miércoles, 28 de noviembre de 2007

Débedas históricas.


Seguro que xa o listes nos xornais: Presentáronse os orzamentos, cualificados de órdago polo noso alcalde, para o vindeiro ano. A cifra, para os que chegamos mal a fin de mes, e da que nos nubra a vista: 33.522.727 €. Agora só queda que os aproben e executen; pero en todo caso, o que salientaba o alcalde é que con estes orzamentos pagábase unha débeda histórica co Milladoiro. Si, veciños e veciñas, parece ser que o noso amado Milladoiro recibirá desta torta tan apetecible a cantidade de 7 millóns de euros para o vindeiro ano. Pero que non medren as envexas!, porque xa aclarou que pasado ese ano Milladoiro, volverán as augas ao seu leito e virá o 2009 para poñer as cousas no seu sitio en Bertamiráns. Hoxe por ti, mañá por min.

Claro que a débeda máis que histórica, e longa, moi longa. Tan longa como a chea de ladrillos construídos sen ter en conta, que despois, vano habitar xentes, persoas que coma ti que non só dormen no Milladoiro, senón que tamén viven; tan longa como eses servizos sanitarios que xa quedan pequenos para os que somos pacientes (de paciencia); tan longa, como a escaseza de parques para os nosos rapaces e rapazas; tan longa, como a parcheada situación da educación no Milladoiro (do IES aínda non se di nada, parece que os nosos fillos e fillas, cando medran, non teñen outro destino que emigrar a Santiago); tan longa como esas zonas verdes inexistentes ou deterioradas; tan longa coma a inexistencia de equipamentos para os nosos maiores; tan longa coma a deshumanización do urbanismo que soportamos; tan longa (AQUÍ IRÍA AQUELA DÉBEDA QUE VÓS CONSIDEREDES, E QUE VOS ANIMAMOS A POÑER NOS COMENTARIOS).

Señor alcalde, a débeda que o concello que vostede preside ten co Milladoiro ten tantos anos de existencia coma a constitución dos concellos democráticos. Así que mire vostede se ten que pagar! Claro que non só o Concello tería que pagar; non estaría de máis que todas as construtoras que se beneficiaron da cobiza que se lles permitiu, tiveran esa responsabilidade social tan en boga e pagaran pola desfeita realizada no Milladoiro. Claro que solicitar isto é crer nos Reis Magos; pero qué carallo, estamos preto do Nadal e en algo hai que crer!

Nós, particularmente, non cremos nos titulares. Si, xa sabemos que o que sae nos medios de comunicación ten visos sempre de ser verdade. Pero estamos nun tempo que falar non ten cancela; e por esta falta de valor, hoxe dise haches e mañá bes. Nós, por descridos, só cremos nos feitos. E dígolle que estamos desexando velos. Nada desexamos máis! Cómo non imos desexar ver a Travesía do Porto rematada? E Anxeriz, e Travesa! (e se seguemos así: tódalas rúas!) Pero non sei porque me dá por crer, que antes de ver todo isto feito, estará en pé o novo Centro Comercial do Milladoiro. Sabe por qué? Porque aquí os construtores son os que fan algo (e máis un complexo como este que só procura os nosos cartos).

Ao mellor acontece, e non pense que somos desagradecidos, que visto o que padecemos ano tras ano, xa nin as boas novas dannos moita esperanza. Quen sabe!

A min todo isto non deixa de lémbrame un diálogo moi famoso dos xeniais Irmáns Marx en Sopa de Ganso, e que caio na tentación de reproducir:

Margaret Dumont: Espero que siga os pasos do meu marido.
Groucho Marx: Que lles parece? Non levo aquí nin cinco minutos e xa se me está insinuando. Onde está?
Margaret Dumont: Esta morto... Eu mesma estiven con el ata o derradeiro momento.
Groucho Marx: Agora sei por qué pasou a mellor vida.
Margaret Dumont: Abraceino e biqueino.
Groucho Marx: Entendo: Foi asasinado. Quere casar comigo? Deixoulle algún carto? Conteste primeiro á segunda pregunta.
Margaret Dumont: Deixoume toda a súa fortuna.
Groucho Marx: É certo? Non ve o que quero dicirlle? Quéroa!
Pois nada:
Estamos desexando querer máis obras e servizos!!

lunes, 26 de noviembre de 2007

Resultados da asemblea informativa.



O venres 23 de novembro tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a I asemblea informativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro. A intención da convocatoria foi a de dar a coñecer todas aquelas xuntanzas e accións realizadas nos últimos meses pola asociación veciñal. A asistencia, como ven sendo habitual neste tipo de actos (cando e cómo poderemos rachar con esta tendencia?) foi escasa; non máis dunha ducia de veciños e veciñas que se achegaron á asemblea.

Catro foron os eixes sobre os que xirou esta convocatoria: educación, asistencia sanitaria, transportes e vivenda. O panorama educativo do Milladoiro é desalentador. A orixe subliña xa as crebas que temos nesta materia tan esencial. Milladoiro medrou sen que medraran os servizos educativos, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello, que miraban, pola proximidade que o Milladoiro ten coa sombra alongada de Santiago de Compostela, cara a outro lado sen atender a crecente demanda educativa que a chegada de novos veciños e veciñas traía consigo. A calamitosa actuación da anterior concelleira de educación puxo, se cabe, máis leña ao ter como motor esa política de feitos consumados realizada ás costas da comunidade educativa (profesorado, ANPA e Consello Escolar) e obviando calquera sensatez na planificación, non indo máis ala da política de parcheo coa que se atende a educación no noso concello. Ninguén dubida, e aí están as estatísticas tan amadas pola clase política, que a poboación do Milladoiro é unha poboación nova. Nembargante, os recursos educativos son escasos, cando non inexistentes, en tódolos tramos da educación. As garderías non soportan a forte demanda (este ano 87 familias do Milladoiro quedaron fóra da Gardería Municipal), e a creación de novos recursos como a EEI do Milladoiro, ao estar realizada sen visión de futuro, fai que atrase por un ano, o que sempre acontece no Milladoiro: usar o CEIP de Ventín como aparcadoiro dos rapaces e rapazas do noso concello, sen preocuparse da calidade educativa que a saturación a que está sometida ano si e ano tamén impón ao alumnado. Así, dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro fixemos unha aposta que non queremos gañar, pero que moito nos tememos que si gañaremos: Volverán os barracóns (esas sinistras construcións que eles chamaban eufemisticamente “módulos”) a un Ventín que se queda pequeno a todas luces dadas as peculiaridades do territorio no que se asenta. Xa hoxe dá mostras deste esgotamento: falla de profesorado, orientadores saturados de traballo e compartidos entre os dous centros, e isto pódese sumar aínda máis cousas, pois o que acontece é que a educación, no Milladoiro, en caso de ir, pola tendencia destes anos, sempre irá a peor.

Do instituto, qué dicir? Segue a ser o elemento vertebrador que nos falla no Milladoiro, cunha poboación adolescente tan importante e sobre a que, dada a dispersión obrigada a que están sometidos tendo que ir cara Santiago para proseguir os seus estudos, non é doado intervir. O que si sabemos a estas alturas é que, por fin!, a finca na que irá o futuro IES está neste intre en rexistro, polo que se estima que no mes de decembro, seguramente no derradeiro pleno do ano, se trate este tema e cédase este solo á Consellería de Educación. Isto sitúa o novo IES, funcionando e plenamente operativo, no 2009. Cánta espera para un ben tan necesario! Tamén, durante o desenvolvemento da asemblea, fíxose constar por un representante da ANPA da EEI do Milladoiro, as deficiencias desta instalación, así como as dificultades que o seu emprazamento ten actualmente, debido a esa política que se aplica no noso concello de primeiro construír e despois urbanizar, polo que a aventura de levar aos fillos e fillas a este centro, ten un pouco de rally.

Outra situación preocupante son os recursos sanitarios do Milladoiro. A finca destinada no seu intre para o anhelado centro médico do Milladoiro, foi destinada á EEI, e onde se supón que irá este recurso tan esencial, aínda non está desenvolvido; mentres: o famoso parcheo. Parches que aínda así se atrasan. Pedir unha cita, supón polo menos unha espera que non sempre te podes permitir; pero non é a única espera. Con boa lóxica, e mentres non se constrúen os recursos necesarios, o centro médico actual vai agregar o local que o Concello de Ames ten no Milladoiro, ante o traslado deste ao espléndido local que se está acondicionando preto da Praza de Manuel Murguía. Nembargante, a lentitude faraónica desta obra (leva xa máis de ano e medio sen explicación satisfactoria por este atraso), impide que se asignen máis recursos de asistencia sanitaria ao centro médico. Situación: seguemos a padecer unha carencia, que xa é crónica, de recursos ante unha poboación que segue a medrar.

Milladoiro naceu entorno a unha estrada, que segue sendo unha ferida aberta neste núcleo. Non dicimos novidade algunha se expoñemos que un dos problemas de maior calado entre a poboación é todo o referente ao transporte; de feito, ocupou grande parte do debate aberto coas persoas asistentes á asemblea. O tráfico é ese mal que nos acompaña dende primeiras horas da mañá ata que a noite se deita. É un tráfico incesante, con presas pero sen pausas, e que invade unha poboación que se atopa dividida por esta inxente caravana de coches e ruídos. Botarlle a culpa ás obras que se están a realizar, faría que pecharamos os ollos a outros factores e tamén solucións que aliviarían esta agresión constante. Dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro expuxemos ao Concello, Garda Civil, Policía Local e á Dirección Xeral de Transportes a situación que estamos a vivir día si día tamén, e, agás da Garda Civil, que si respondeu á nosa comunicación, as respostas que obtivemos non deixan de ser palabras. Seguramente, hai medidas para diminuír esta presión. Liberar o tramo de autopista dende Padrón, sería unha; pero non a máis importante. O Milladoiro nace coa desgraza de ser un núcleo construído ao albur da cobiza das empresas construtoras en medio dunha estrada nacional. E xa sabemos: cando se xunta a fame a as gañas de comer, non pode saír nada bo. Para nós, parte da solución estaría nun novo planeamento da política de transportes do noso concello. Un concello no que parece que non muda nada, pese á envergadura que vai collendo.

Hai moitas cousas que non se explican; pero unha é esta: cómo é posible que sendo máis e máis poboación, segamos tendo o mesmo transporte que hai once anos. Aínda que a intención é solicitar unha entrevista coa Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, non é doado de entender a concesión de transportes que actualmente sufre O Milladoiro. Ás horas punta, pese ao reforzo nos servizos, os veciños e veciñas do Milladoiro non nos transportan, senón que nos amontoan. A frecuencia de buses, aínda que é unha das virtudes que temos, sabe a pouco. Ás xentes que vivimos aquí, non só nos soluciona que o bus nos deixe na rúa da Rosa, senón que tamén sería desexable unha maior frecuencia dos buses que van cara á Estación de Autobuses, pois así estaríamos máis ou menos conectados con Santiago. A ilustración máis patente desta situación é a seguinte: ten máis doado unha persoa de Santiago ir a traballar en transporte público ao polígono do Milladoiro, que unha persoa do Milladoiro facer o mesmo no polígono do Tambre, e está claro que son moitas as persoas que nun concello e noutro están nesta situación.

Outro punto importante, é o que acontece no Milladoiro cando chega o fin de semana: a frecuencia máis que diminuír, case desaparece. Todos estes puntos teñen que solucionarse. Ten que haber unha nova concesión de transportes que se adapte a unha realidade que xa non é a que era, pero que segue así, entendemos, que co beneplácito da empresa e da Administración autonómica neste caso. Unha mostra deste estado e a seguinte: pese á renovación das marquesiñas das paradas, estas seguen sen contar cun horario de buses, cando non é moi doado facerse co actual, que non deixa de ser un remendo dunha empresa que intenta abarcar máis do que pode atender.

Dende logo, parte da solución pasa por unha aposta decidida e integral do transporte público. Pero non só por iso.

Dende logo, cada vez estamos máis motorizados. O vehículo particular, para moita xente, forma parte do seu corpo, e do uso pasa ao abuso sen que a persoa sexa consciente deste vasalaxe. Esa atinada campaña de que o que importa son os pequenos xestos, a ecoloxía que podemos (e debemos) introducir no cotián, debe estar presente tamén nestas solucións.

Todas e todos sabemos que andar é bo para a saúde; pero para andar no Milladoiro hai que botarlle algo máis que vontade. Non imos falar aquí da escaseza crónica de zonas verdes, deses espazos que, con ese ánimo que non todas e todos temos, chamaría a tomar camiño e facer do paseo non só un exercicio, senón un xeito de relacionarse, de facer comunidade. Isto no Milladoiro non existe. Competimos co cemento e cos coches; e mentres que eles teñen recambios: nós somos únicos. Pero aínda así, hai xente voluntariosa que si fai ese exercicio cheo de temeridades. Ousadía e audacia son ferramentas imprescindibles para andar polo Milladoiro; pero estas enfróntanse a un verdadeiro duelo de titáns, se a intención é tomar camiño e chegar a Santiago de Compostela. Nunca foi doado; máis que nada porque aínda que a conexión con Santiago é boa, é unicamente boa se dispós de vehículo propio, senón: ánimo e valor.

O bo de vivir en cidades pequenas é que estás preto de todo. Pero para dar ese paso, e outros máis que te leven a camiñar, ten que existir, cando menos, unhas beirarrúas. Pois ben, toda esa infraestrutura que se está a facer (e todo hai que dicilo: cunha velocidade abraiante), supón un atranco insalvable se a intención é ir camiñando ata Santiago. Estase a traballar ignorando as persoas que aquí vivimos. Necesitamos unha planeamento que contemple isto, e tamén, como non, un carril bici.

O último tema tratado foi a situación da vivenda no Milladoiro. As xentes que aquí vivimos, na súa maioría, tomamos esta determinación polo abusivo prezo da vivenda en Santiago de Compostela. Esta situación fixo que viñeramos exiliados dalgún xeito. Agora, os tempos son outros. A diferenza, no caso de existir, é pequena e o prezo da vivenda no Milladoiro subiu á estratosfera hipotecaria, sen que conte cos servizos que ten Santiago. Aínda así, séguese a construír, pese a que se estima que un 20% das vivendas están baleiras. Unhas vivendas, que no caso de poñerse no mercado, ben de alugamento ou venda, diminuirían ese ascenso especulador que escolta permanentemente á construción. A isto, súmase a inexistente oferta de vivendas de protección oficial, ese solo que permita un acceso máis doado para todas as persoas.

Como vedes, as carencias son moitas; aínda que tamén o son as potencialidades. E, por ónde pasan estas?

A resposta é por nós, por todas e todos nós. Chegou a hora de deixar de queixarse e levar esa queixa, sempre xusta, á acción.

Participa, comprométete, O Milladoiro tamén é teu e es ti.

martes, 20 de noviembre de 2007

Asemblea Informativa o próximo venres 23 na Casa da Cultura.

Comezamos un novo ano de traballo. A verdade é que nunca o deixamos, e estas datas, con algún que outro atranco, a vida asociativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro seguiu o seu camiño. Durante estes meses, realizamos unha serie de xuntanzas cos grupos municipais para expoñerlles a situación do Milladoiro e saber de primeira man a intención dos grupos políticos presentes no Concello.

Para falar disto e do traballo que imos acometer dende a asociación, convocamos a tódalas veciñas e veciños do Milladoiro a unha asemblea informativa que vai ter lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20.00 h na Casa da Cultura do Milladoiro. É importante contar coa vosa asistencia. Unha asociación ten que repousar sobre o compromiso e participación das xentes que aquí vivimos.

Por outra banda, infórmovos que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro está a vender lotería do Nadal. O prezo é de 5 €, xogando 4 € ao número, e 1 € para o sorteo dunha boa cesta de Nadal.

Estes días estaremos polas rúas do Milladoiro informándovos da celebración da asemblea informativa e recollendo tamén as suxestións que nos queirades realizar.

Esperámosvos o venres 23, ás 20.00 h na Casa da Cultura. Porque imos falar do Milladoiro, que ti esteas é importante.