Diante do anuncio do Ministerio español de Fomento dun estudo para a construción dunha autovía Sigüeiro-Padrón como alternativa á N-550, a Asociación Veciñal do Milladoiro Seidón quere facer saber que:
1- En decembro de 2005 era noticia que o Ministerio de Fomento ía destinar para o ano seguinte 200.000 euros “que se empregarán na redacción do proxecto técnico da circunvalación da N-550, entre Vigo e A Coruña”. Concretamente para a zona do Milladoiro correspondían 30.000 euros, unha chea. Malia esta cantidade non chegar nin a media merenda para a realización do estudo cómpre preguntármonos por que, se a redacción deste proxecto técnico xa estaba aprobada, se volve anunciar agora aos catro ventos e sen especificar a partida orzamentaria que se lle vai destinar.
2- A elaboración dun proxecto técnico e dun estudo previo sobre a viabilidade da obra, que aínda non están feitos, non garante a súa construción inmediata por moito que o presidente da Xunta encha a boca con datas coma a do 2010 para o inicio das obras. Amais a prema destes procesos imprescindíbeis está indiscutibelmente ligada aos cartos que se lle destinen, entre moitos outros factores.
3- En entrevistas co Goberno Municipal e con representantes da Consellaría de Fomento recoñecíasenos que, séndomos optimistas, esta gran obra non ha estar rematada até sete anos despois do inicio do estudo.
4- Nos tres anos que van de 2004 a 2007, a poboación do Milladoiro medrou en 2.500 habitantes sen contarmos os/as non censados/as. Isto sitúa a nosa vila como o núcleo onde se concentra máis da metade da poboación do Concello. De seguirmos a este ritmo, en seis anos O Milladoiro ha contar con cinco mil veciños/as máis coas súas necesidades de transporte e isto sen termos en conta, insistimos, os non censados.
5- A ausencia de vías peonís e carrís-bici que unan O Milladoiro con Santiago canda o deficiente transporte público forzan os veciños ao emprego do automóbil particular. Se isto xa fai insostíbel a situación actual, co proporcional aumento anual da poboación, as expectativas a curto prazo agoiran o desastre.
6- A construción das superficies comerciais previstas para a zona do polígono e do Agro do Medio xunto aos cines vai ter o lóxico efecto da medra do tráfico procedente da área Sur de Santiago co consecuente incremento do entullo na rotonda de entrada ao Milladoiro.
Xa que logo desde Seidón entendemos que:
1- A construción da Autovía ha contribuír a alixeirar o trasfego da nosa vila sobre todo o transporte pesado que emprega a 550 para se desprazar entre as capitais do eixo occidental galego mais non o trasfego do polígono que ten que pasar pola única rotonda de entrada ao Milladoiro e percorrer a perigosa Avenida do Muíño Vello.
2- A situación actual, que mesmo causou unha desgraza mortal recentemente, non fai posíbel a espera ao remate das macro-obras anunciadas. Cada ano é peor que o anterior e somos os veciños/as do Milladoiro os que o temos que aturar. Que se lle pregunte a este pobo quen está disposto a agardar pola promesa dunha hipotética solución durante varios anos indo aínda a peor polo acelerado aumento poboacional.
3- É incomprensíbel que unha poboación que como mínimo ultrapasa de vez os 14.000 habitantes, á beira da capital de Galiza, só teña unha vía de comunicación con ela que aínda por riba é unha estrada nacional cunha altísima densidade de trasfego, máxime cando ten ao carón un polígono industrial da grandura do do Milladoiro e para máis en construción continua.
4- Non damos entendido tampouco que os milleiros de veciños da nosa vila non poidamos ir a andar até a Rocha por unha vía peonil decente, sen risco para as nosas vidas, para polo menos alí apañarmos o bus urbano de Santiago xa que aquí só temos vía directa até a Rúa da Rosa grazas a autobuses Calo.
Estamos fartos/as de grandiosas promesas de fume, queremos solucións reais a curto prazo. Nun comezo coidamos que era función dos políticos, para algo estarían aí, discorrer as solucións para as demandas que desde abaixo lles eran propostas. Agora vemos que a resposta é a repetición dunha promesa de hai anos presentada como novidade e sen présa para que sexa efectiva pola súa fastosidade. Polo tanto teremos de ser nós, os de abaixo, os que mesmo lles quiten traballo á hora de sinalar os camiños de resolución dos nosos problemas xa que eles semella que non dan máis. Se tivesen gana de pasear polo Milladoiro e escoitar o que teñen que dicir os/as veciños/as sentirían as seguintes preguntas nas prazas, nas cafetarías, á porta dos colexios, da gardaría ou do noso liliputiense centro de saúde:
a) Por que non se aproveitan as obras do terceiro carril do periférico de Santiago para o alongar dous ou tres quilómetros até unha nova saída-entrada ao Sur do Milladoiro? Bastante máis barato e máis rápido por certo que a construción de toda unha circunvalación nova.
b) Por que non se constrúe unha rotonda ao sur do Milladoiro para conectar con seguridade a entrada á autovía Santiago-Brión que alí hai e pola que se pode desviar o trasfego pesado que transita en dirección a Santiago?
c) Por que unha vez feito o anterior non se solicita o traspaso da titularidade para o Concello de Ames da vía da Avenida Rosalía de Castro (actual N-550) para xestionar cando menos a sinalización e mais o tempo dos semáforos a prol dos peóns e non dos coches e facelo desde aquí? Deste xeito a fenda que parte en dous a nosa vila deixaría de selo tanto e non teriamos que xogar a vida para a atravesar.
d) Por que non se lle dá unha saída ao polígono industrial directamente para a autovía Santiago-Brión, da que dista menos de un quilómetro, para que o trasfego do polígono non teña que pasar pola rotonda de entrada ao Milladoiro e polo medio das nosas rúas? Monte hai abondo para a facer.
e) Por que non se habilitan vías peonís e carrís bici para que poidamos prescindir do coche nos nosos desprazamentos a Santiago?
O Milladoiro xa non comunga con rodas de muíño, queremos solucións e querémolas xa. Somos nós e mais os nosos fillos os que temos que aturar isto. As mobilizacións e a recolleita de sinaturas han continuar até acadarmos resultados concretos e non foguetes ao aire, até que os cegos vexan e os xordos escoiten: N-550 FÓRA DO MILLADOIRO!!!
Milladoiro,11 de abril de 2008.
A Presidenta.
Asdo: Mª José Ayaso Costolla.
No hay comentarios:
Publicar un comentario