miércoles, 12 de diciembre de 2007

Con palabras.Manifesto de apoio e solidariedade coa familia de Irene Fernández Fernández



Hoxe, tódolos veciños e veciñas do Milladoiro e deste concello somos a familia de Irene Fernández Fernández. Hoxe, gustaríanos que todo o mundo, absolutamente todo o mundo, escoitara este silencio. Non é un silencio calquera. É un silencio cheo dunha dor fonda, dunha tristura amarga, dun choro desconsolado e arrepiante. É o silencio que deixan as persoas que amamos e parten. Ese silencio é o noso grito!

Tamén é un silencio que se expande, que debuxa con precisión unha xeografía da morte que percorre tódalas estradas deste país. O cotián desta traxedia fai que moitas xentes pensen que esta lacra é un imposto obrigado por vivir neste tempo cheo de presas sen pausas, e, ao cabo, rematan por pensar que estamos ante unha guerra perdida. Pero non é certo!; pode que se perda algunha batalla, esas que son inevitables e fortuítas, pero temos que gañar todas aquelas batallas que son responsabilidade nosa.

Cada un dende o seu fronte: as administracións creando infraestruturas axeitadas e seguras; as forzas de seguridade axudando á circulación e previndo accidentes; e despois estamos nós: a cidadanía. Cada persoa que se pon ao volante ten unha responsabilidade. Esta empeza polo escrupuloso respecto aos demais, e continúa pola atención e a prudencia á hora de conducir. E isto é o que pedimos dende este silencio doloroso. Nada máis e nada menos.

Esa vai ser a nosa loita.

Por último, queremos trasladarvos o agradecemento da familia de Irene Fernández Fernández polas mostras de cariño, apoio e solidariedade recibidas durante estes días.
(Proximamente colgaremos aquí unha pequena galería da concentración realizada con imaxes cedidas pola empresa editora de Directo Ames)

No hay comentarios: