martes, 5 de junio de 2007

Tráfico e transporte


Lembrades cando de cativos nos preguntaban aquilo de con qué limitaba España. Non temades, non imos someter a proba o que sabedes, senón facer un breve paseo pola xeografía do Milladoiro.

O Milladoiro non sabemos moi ben con quén nin con qué limita; o que si sabemos é o que o cruza. Se saímos á rúa, o primeiro con que nos imos atopar é con esa ferida aberta no mesmo seo da nosa veciñanza, que é a estrada NVI que, ao seu paso polo Milladoiro, toma o nome de Avda. de Rosalía de Castro. Esta atestada vía soporta a tódalas horas un tráfico intenso, ruidoso e veloz. Ás aglomeracións nas horas puntas, que agora son unha chea delas, non seguen remansos de paz, senón un fluír continuo de vehículos nos dous sensos que fan de vivir aquí, unha opción arriscada. E aquí vivimos nós; pero parece que non é así. O Milladoiro parece máis preparado para os coches que o cruzan que para as persoas que aquí moramos. Un exemplo disto son os semáforos. Non sabemos moi ben quén son os encargados de axustar os ciclos destes elementos; pero está claro que á hora de facelo están a pensar nos que consumen gasolina e non nos que consumimos paciencia para cruzar esa fronteira que é a Avda. Rosalía Castro.

Pero se non hai queixa coa cantidade de vehículos que pasan, si a hai co transporte que temos. Costa crer, pero é certo, que seguimos tendo o mesmo servizo de transporte público que hai quince anos. Somos máis; pero os buses seguen sendo os mesmos, coas mesmas frecuencias e con ese desaparecer do mapa que chega cando ven o remanso do fin de semana. A parte das arbitrariedades xa comentadas, como que os pais e nais que van con rapaces teñan que encartar o carriño do bebé, que non sabemos moi ben a qué responden, pero que actuaremos, está o servizo que se ofrece ás horas puntas. Todas e todos os que estamos a pasar por isto, sabemos moi ben a sensación de sardiña en lata que che queda se tes a obriga de coller o bus nun deses horarios atestados. Por moito que o condutor diga que hai sitio atrás, o único espazo que queda é o da indignación polo trato que estamos a recibir. Non cabe máis xente; pero a empresa, e con ela tamén o Concello, aínda están traballando sobre ese cheque en branco que é a nosa paciencia, e que advertimos que está sen fondos.

De aí, que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro, vai realizar unha campaña pola calidade do transporte público e porque O Milladoiro deixe de ser vista coma unha estrada de paso e non coma unha comunidade.

Esperamos contar con todas e todos vós. Xa vos iremos informando.


2 comentarios:

Josepo dijo...

Teneis toda la razon es VERGONZOSO VERGONZOSO lo de los Semaforos, o mejor aun de cachondeo yo creo son eternos para que pase el peaton.

Aitna dijo...

100€ inaudito,ver o conductor obrigar a unha nai sacar o seu neno do carriño , e ollar suplicante que alguen (que sempre ahi) deixelle o asento.Deplorable ver como na saida de Cruxa para Rosalia de CAstro os contenedores non deixan velos coches que se abalanza o paso de peons xa en verde. Triste no velo verde do que si goza Bertamirans. Acolledor coñecela a xente de Milladoiro e sentirte na casa. Seguide loitando e contando co apoio de todos. Saudos unha nova veciña