Mostrando entradas con la etiqueta Tráfico. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tráfico. Mostrar todas las entradas

miércoles, 16 de abril de 2008

A N-550 no Milladoiro.



Diante do anuncio do Ministerio español de Fomento dun estudo para a construción dunha autovía Sigüeiro-Padrón como alternativa á N-550, a Asociación Veciñal do Milladoiro Seidón quere facer saber que:

1- En decembro de 2005 era noticia que o Ministerio de Fomento ía destinar para o ano seguinte 200.000 euros “que se empregarán na redacción do proxecto técnico da circunvalación da N-550, entre Vigo e A Coruña”. Concretamente para a zona do Milladoiro correspondían 30.000 euros, unha chea. Malia esta cantidade non chegar nin a media merenda para a realización do estudo cómpre preguntármonos por que, se a redacción deste proxecto técnico xa estaba aprobada, se volve anunciar agora aos catro ventos e sen especificar a partida orzamentaria que se lle vai destinar.

2- A elaboración dun proxecto técnico e dun estudo previo sobre a viabilidade da obra, que aínda non están feitos, non garante a súa construción inmediata por moito que o presidente da Xunta encha a boca con datas coma a do 2010 para o inicio das obras. Amais a prema destes procesos imprescindíbeis está indiscutibelmente ligada aos cartos que se lle destinen, entre moitos outros factores.

3- En entrevistas co Goberno Municipal e con representantes da Consellaría de Fomento recoñecíasenos que, séndomos optimistas, esta gran obra non ha estar rematada até sete anos despois do inicio do estudo.

4- Nos tres anos que van de 2004 a 2007, a poboación do Milladoiro medrou en 2.500 habitantes sen contarmos os/as non censados/as. Isto sitúa a nosa vila como o núcleo onde se concentra máis da metade da poboación do Concello. De seguirmos a este ritmo, en seis anos O Milladoiro ha contar con cinco mil veciños/as máis coas súas necesidades de transporte e isto sen termos en conta, insistimos, os non censados.

5- A ausencia de vías peonís e carrís-bici que unan O Milladoiro con Santiago canda o deficiente transporte público forzan os veciños ao emprego do automóbil particular. Se isto xa fai insostíbel a situación actual, co proporcional aumento anual da poboación, as expectativas a curto prazo agoiran o desastre.

6- A construción das superficies comerciais previstas para a zona do polígono e do Agro do Medio xunto aos cines vai ter o lóxico efecto da medra do tráfico procedente da área Sur de Santiago co consecuente incremento do entullo na rotonda de entrada ao Milladoiro.

Xa que logo desde Seidón entendemos que:

1- A construción da Autovía ha contribuír a alixeirar o trasfego da nosa vila sobre todo o transporte pesado que emprega a 550 para se desprazar entre as capitais do eixo occidental galego mais non o trasfego do polígono que ten que pasar pola única rotonda de entrada ao Milladoiro e percorrer a perigosa Avenida do Muíño Vello.


2- A situación actual, que mesmo causou unha desgraza mortal recentemente, non fai posíbel a espera ao remate das macro-obras anunciadas. Cada ano é peor que o anterior e somos os veciños/as do Milladoiro os que o temos que aturar. Que se lle pregunte a este pobo quen está disposto a agardar pola promesa dunha hipotética solución durante varios anos indo aínda a peor polo acelerado aumento poboacional.

3- É incomprensíbel que unha poboación que como mínimo ultrapasa de vez os 14.000 habitantes, á beira da capital de Galiza, só teña unha vía de comunicación con ela que aínda por riba é unha estrada nacional cunha altísima densidade de trasfego, máxime cando ten ao carón un polígono industrial da grandura do do Milladoiro e para máis en construción continua.

4- Non damos entendido tampouco que os milleiros de veciños da nosa vila non poidamos ir a andar até a Rocha por unha vía peonil decente, sen risco para as nosas vidas, para polo menos alí apañarmos o bus urbano de Santiago xa que aquí só temos vía directa até a Rúa da Rosa grazas a autobuses Calo.

Estamos fartos/as de grandiosas promesas de fume, queremos solucións reais a curto prazo. Nun comezo coidamos que era función dos políticos, para algo estarían aí, discorrer as solucións para as demandas que desde abaixo lles eran propostas. Agora vemos que a resposta é a repetición dunha promesa de hai anos presentada como novidade e sen présa para que sexa efectiva pola súa fastosidade. Polo tanto teremos de ser nós, os de abaixo, os que mesmo lles quiten traballo á hora de sinalar os camiños de resolución dos nosos problemas xa que eles semella que non dan máis. Se tivesen gana de pasear polo Milladoiro e escoitar o que teñen que dicir os/as veciños/as sentirían as seguintes preguntas nas prazas, nas cafetarías, á porta dos colexios, da gardaría ou do noso liliputiense centro de saúde:

a) Por que non se aproveitan as obras do terceiro carril do periférico de Santiago para o alongar dous ou tres quilómetros até unha nova saída-entrada ao Sur do Milladoiro? Bastante máis barato e máis rápido por certo que a construción de toda unha circunvalación nova.

b) Por que non se constrúe unha rotonda ao sur do Milladoiro para conectar con seguridade a entrada á autovía Santiago-Brión que alí hai e pola que se pode desviar o trasfego pesado que transita en dirección a Santiago?

c) Por que unha vez feito o anterior non se solicita o traspaso da titularidade para o Concello de Ames da vía da Avenida Rosalía de Castro (actual N-550) para xestionar cando menos a sinalización e mais o tempo dos semáforos a prol dos peóns e non dos coches e facelo desde aquí? Deste xeito a fenda que parte en dous a nosa vila deixaría de selo tanto e non teriamos que xogar a vida para a atravesar.

d) Por que non se lle dá unha saída ao polígono industrial directamente para a autovía Santiago-Brión, da que dista menos de un quilómetro, para que o trasfego do polígono non teña que pasar pola rotonda de entrada ao Milladoiro e polo medio das nosas rúas? Monte hai abondo para a facer.

e) Por que non se habilitan vías peonís e carrís bici para que poidamos prescindir do coche nos nosos desprazamentos a Santiago?


O Milladoiro xa non comunga con rodas de muíño, queremos solucións e querémolas xa. Somos nós e mais os nosos fillos os que temos que aturar isto. As mobilizacións e a recolleita de sinaturas han continuar até acadarmos resultados concretos e non foguetes ao aire, até que os cegos vexan e os xordos escoiten: N-550 FÓRA DO MILLADOIRO!!!


Milladoiro,11 de abril de 2008.

A Presidenta.



Asdo: Mª José Ayaso Costolla.

jueves, 6 de diciembre de 2007

Aconteceu.



Onte chegamos ás nosas casas coa tristura dunha nova que nunca quixemos que acontecera: Unha veciña do Milladoiro, Irene Fernández Fernández, foi atropelada na Avd. de Rosalía Castro. A nova correu como a pólvora, pois dalgún xeito, o que acontecera, podía pasarnos a calquera de nós. Seguro que Irene, e a súa familia, non saíu do noso pensamento. Cada un, dende a súa fe, pregaba para que esta rapaza de seis anos saíra o mellor parada dun feito coma este. Pero de nada serviu. Hoxe a traxedia deu un paso máis: o que ninguén quería.

O que está a vivir esa familia! Que consolo queda ante esa dor infinita e desgarradora? Seguramente que poucos ou ningún. Aínda así, dende aquí, queremos expresar as nosas máis fondas condolencias á familia de Irene Fernández.

E que máis podemos facer? Parece ser que a fatalidade está na orixe deste suceso. Aínda así, a esa fatalidade inevitable, súmase un factor que multiplica o impacto ata levalo ao resultado que hoxe padecemos.

A Avd. de Rosalía Castro é unha rúa do Milladoiro; quizais a rúa principal. Pero esta rúa principal, resulta que é unha estrada nacional. Unha estrada que soporta un tráfico incesante: coches e máis coches, camións de todo calado invaden constante e incesantemente esta rúa que divide ao Milladoiro. Esta forzada convivencia non é doada, e, como podemos ver, incluso é tráxica. Que non acontezan máis sucesos, seguro que se debe ás habilidades que temos as persoas que aquí vivimos e a boa sorte que nos acompaña; pero que acontezan só se debe a unha cousa: que unha estrada nacional pase polo centro dun núcleo de poboación tan importante.

Dende sempre, os veciños e veciñas do Milladoiro sentimos que esta situación é insostible. As peticións feitas para poñer en pe as solucións a este problema están aí non dende agora, tras acontecer esta desgraza, senón dende sempre. A circunvalación e a reurbanización da Avd. de Rosalía Castro é unha petición xa sabida, xa coñecida, pero á que as administracións públicas seguen sen facer caso; e moitos nos tememos, que seguirán.

Pero alguén ten que dicir que xa basta! Xa non podemos máis. Agora que a dor nos atenaza pola irreparable e tráxica perda de Irene Fernández, é o momento de converter esta pena e esta rabia, e o momento de que saiamos á rúa para que isto non volva a suceder. Nolo debemos a nós, e tamén a ela, a ese ela que ten un nome, pero que podía ser o nome de calquera das persoas que aquí vivimos cercados polos riscos desta estrada.

Para iso, convocámosvos para o vindeiro mércores 12 de decembro a unha concentración que terá lugar ás 19.00 h no mesmo sitio que aconteceu esta desgraza.

Unha concentración que repetiremos semana a semana ata que esta ruleta rusa pase de ser unha estrada nacional a unha rúa máis do casco urbano do Milladoiro.

Esperámosvos!

martes, 5 de junio de 2007

Tráfico e transporte


Lembrades cando de cativos nos preguntaban aquilo de con qué limitaba España. Non temades, non imos someter a proba o que sabedes, senón facer un breve paseo pola xeografía do Milladoiro.

O Milladoiro non sabemos moi ben con quén nin con qué limita; o que si sabemos é o que o cruza. Se saímos á rúa, o primeiro con que nos imos atopar é con esa ferida aberta no mesmo seo da nosa veciñanza, que é a estrada NVI que, ao seu paso polo Milladoiro, toma o nome de Avda. de Rosalía de Castro. Esta atestada vía soporta a tódalas horas un tráfico intenso, ruidoso e veloz. Ás aglomeracións nas horas puntas, que agora son unha chea delas, non seguen remansos de paz, senón un fluír continuo de vehículos nos dous sensos que fan de vivir aquí, unha opción arriscada. E aquí vivimos nós; pero parece que non é así. O Milladoiro parece máis preparado para os coches que o cruzan que para as persoas que aquí moramos. Un exemplo disto son os semáforos. Non sabemos moi ben quén son os encargados de axustar os ciclos destes elementos; pero está claro que á hora de facelo están a pensar nos que consumen gasolina e non nos que consumimos paciencia para cruzar esa fronteira que é a Avda. Rosalía Castro.

Pero se non hai queixa coa cantidade de vehículos que pasan, si a hai co transporte que temos. Costa crer, pero é certo, que seguimos tendo o mesmo servizo de transporte público que hai quince anos. Somos máis; pero os buses seguen sendo os mesmos, coas mesmas frecuencias e con ese desaparecer do mapa que chega cando ven o remanso do fin de semana. A parte das arbitrariedades xa comentadas, como que os pais e nais que van con rapaces teñan que encartar o carriño do bebé, que non sabemos moi ben a qué responden, pero que actuaremos, está o servizo que se ofrece ás horas puntas. Todas e todos os que estamos a pasar por isto, sabemos moi ben a sensación de sardiña en lata que che queda se tes a obriga de coller o bus nun deses horarios atestados. Por moito que o condutor diga que hai sitio atrás, o único espazo que queda é o da indignación polo trato que estamos a recibir. Non cabe máis xente; pero a empresa, e con ela tamén o Concello, aínda están traballando sobre ese cheque en branco que é a nosa paciencia, e que advertimos que está sen fondos.

De aí, que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro, vai realizar unha campaña pola calidade do transporte público e porque O Milladoiro deixe de ser vista coma unha estrada de paso e non coma unha comunidade.

Esperamos contar con todas e todos vós. Xa vos iremos informando.