Mostrando entradas con la etiqueta comunidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta comunidade. Mostrar todas las entradas

viernes, 1 de junio de 2007

A morte de Folole Muliaga


Se cho din, se cho conta alguén, non o cres; pero saíu na televisión!, ese notario de traxedias que se solapan unhas a outras ata deixarnos insensibilizados. Mostra disto é que onte saía na Voz de Galicia a unha columna, nun pequeno espazo sen moitas máis explicacións. Seguro que pensaron: Total, só é unha morte!

E tiñan razón. Non hai ese número escandaloso que chama con igual fortaleza ao noso morbo, e tras este, á nosa compaixón. Dende aquel feroz tsunami do 2005 non é doado chamar á nosa solidariedade, á nosa indignación, ao noso compromiso. Puxo o teito demasiado alto, a 220.000 mortos de alto! E así non hai maneira! Seguen ocorrendo desgrazas, pero a nosa sensibilidade está demasiado cauterizada como para sentir algo que vaia máis aló do noso embigo.

Derrótannos as traxedias! Unha tras outra convéncenos de que pouco, ou mellor nada, podemos facer por mudar este mundo. E este é un xuízo tan tatuado no noso sentir que evita que sintamos culpa ou responsabilidade algunha polo que acontece. Pero témola. Todas e todos temos o noso grao de responsabilidade, e tamén, como non, de culpa. Que o mal triúnfe, depende so de que todas e todos nós quedemos quedos, sen facer nada, mirando cara outro lado mentres a inxustiza segue medrando. E miramos; e, incluso, atopamos momentos para sorrir. Porque os hai. Sempre os hai; pero hai veces...!

Hai ocasións, no que as dixestións son pesadas; pero tan pesadas, que nin sequera logras facelas. Son as que quedan aí, esganadas, deixando que ese amargor aínda se espese máis ata que quedas seco, case como morto, pois non o podes crer. Pero acontece. Tódolos días, sen excepción.

A historia é triste, tristísima. A protagonista, unha muller: Folole Muliaga. Unha muller que podía ser veciña de calquera de nós, sen nós saber que existía e o que estaba a pasar polas súas carnes. É o prezo deste tempo que vivimos!: pecharnos na casa e non saber, cinco ou dez anos despois, cómo se chama ese veciño que te cruzas de tarde en tarde no ascensor. E iso xa non nos sorprende. Hai unha morea de noticias que falan desa soidade, dese vivir rodeado de xentes sen máis lazos que os accidentais, que só logran facer grandes aglomeracións pero non chegan a constituír comunidade.

A nosa protagonista tivo unha das profesións máis bonitas que existen: mestra de escola. Seguro que tiña unha grande vocación; hai que tela para aturar esa desbandada de rapaces e rapazas cheos de enerxía e enchelos de coñecementos e valores que quedarán aí para os restos. Aposto a que o fixo ben; aínda que só fose porque foi nai de catro fillos. Supoño que unha muller coma ela estaría nunha escola desas da periferia, tratando con agarimo a eses rapaces e rapazas que despois xa se encargaría a vida de sacudilos ata deixalos mallados. O digo pola foto. Notase a cara de boa persoa, chea desa amabilidade acolledora de paraíso perdido que pintou Gaugin. Pero como non hai edén sen serpe, a vida tróuxolle unha enfermidade. Era respiratoria; non especifican cál. Non é moi importante para a nosa historia; para a súa si: tivo que deixar de traballar. Repito: fai falla ter moitos folgos para aturar a unha chea de rapazas e rapaces!

Isto non trouxo máis que o comezo da deriva desa muller e a súa familia ata fondear na miseria; pero non unha calquera! Esta non a coñecedes. Rara vez sae na televisión. No é coma esa do Terceiro Mundo, esa que se asoma e amosa a cotío cunha crueza impúdica . Non, non é esa. Da que eu falo é a que se agocha entre catro paredes espidas e desesperanzadas. E a historia do pobre na casa do rico. Nesta historia, o pobre sempre sente vergoña; nesta historia, o pobre non deixa preguntarse por qué entre tanto rico, el é miserento; nesta historia, o pobre nunca atopa resposta á súa pregunta; nesta historia, a rabia remata por afogarse en alcohol e a soidade só ten ecos.

Pero, Folole, nin iso! Ela dependía para vivir dunha máquina, dun respirador. Día e noite, se quería vivir, tiña que vivir encarcerada. Porque un non vive conectado a unha máquina; vive preso! E ela estaba exiliada nese cárcere que enchía de aire os seus pulmóns esgotados. Como xa non traballa, os cartos eran menos aínda que as necesidades eran máis. O último que non pagara foi a factura da luz: 128 $

Así que un día, un leal empregado da compañía Mercury Energy, de Nova Zelandia, achegouse a súa casa. Sí, esa mesma á que só se achegaba a miseria. Este esmerado e cumpridor operario, pese a que lle advertiron das consecuencias que carrexaría desconectar a electricidade, seguiu adiante e executou. El estaba aí só para cumprir co seu traballo, co que lle mandaban. E como só estaba para iso, abandonou tranquilamente o miserento domicilio; seguramente coa satisfacción do deber cumprido, ou, quen sabe, ao mellor co alivio de deixar atrás toda esa miseria.

Pero que equivocado andas, rapaz, que equivocado andas! A miseria vai contigo coma unha carracha vampirizando o teu corazón. Non a sentes, pero está aí. Pregúntome, aínda así, se terá conciencia. Se hoxe, cando reciba os seus cartos, verá a nómina que ven tódalas xentes que traballan e reciben a primeiros de mes, ou, pola contra, verá o salario dun sicario. Pregúntome tamén por esa empresa de gatillo rápido á hora de executar: a Mercury Energy. Cómo explicaran os seus beneficios, qué dirán nesta ocasión. Seguro que ninguén dimite nin se desculpa, nin tampouco irá a parar cos seus osos ao cárcere; ademais, xa instalaron a electricidade.

Xa se sabe!: Son empresas. Esas historias éticas e morais son cousas só para as persoas! Pero penso que algo de conciencia, tanto o eficaz operario como a poderosa empresa, terán; aínda que só sexa un chisco! E só con ese chisco, con esa pequena larva, ¡espero que se cumpra xustiza! Porque a conciencia é así. Cando ten problemas, nace pequena pero medra negra. E un día, ou unha noite, ese verme purulento despois de esfuracar todo o corpo, deixará só sitio para o grito. Un grito que leva todo ese tempo con eles mundo e ronco, pero que afoga, que mata, porque ninguén soporta ben o peso na conciencia que trae unha morte como esta.

Pero nós non. Nós non podemos ser coma eles. Non podemos axudar a crear un mundo no que sexa máis importante os beneficios duns cantos dólares fronte á vida dunha persoa que, por outra parte, tanto deu á comunidade. Non pode ser! É indigno un mundo así! Non podemos ser cómplices de tantas inxustizas!
Non nos poden cargar nas nosas costas a morte de Folole Muliaga. Non vedes que xa son moitos os mortos e non podemos con máis!

miércoles, 16 de mayo de 2007

Espazos públicos


Se un baixa polas rúas do Milladoiro, pode preguntarse de ónde carallo xurdiu esa etiqueta de cidade dormitorio que aínda segue a servir como desculpa do que merecemos pero aínda non temos. Total: Somos unha cidade dormitorio! Para que imos a ter servizos e espazos se o noso deambular natural lévanos á obrigada migración cara Santiago. Aí atoparemos de todo: parques que anhelas pasear, instalacións cívicas, bos servizos sanitarios, educativos.

O certo é que non é doado medrar ao carón dun xigante. E iso é o que acontece no Milladoiro. Trala desfeita dos construtores que atoparon aquí a súa terra prometida (nós, tan só unha hipoteca a trinta anos que non para de subir), toca buscar o paraíso, e para iso tomas o bus ou o coche e en cinco minutos , listo! (iso: nos anuncios do xornal. Non hai que te libre dos 15 ou 20 minutos): xa tes o que queres ter.

Relín, non hai moito, a edición conmemorativa de Cien años de soledad. Nesta atraínte e asombrosa novela, hai unha pasaxe que me lembra moito ao que aquí estamos vivindo. É cando a poboación de Macondo, ata ese momento un poboado de casas de cañabrava, érguese cada día sorprendida de non coñecer a súa vila que sucumbe ante o azote do progreso. A min, pásame outro tanto. Vou polas rúas, e como tarde un pouco en pasar, ergueuse un edificio, están poñendo os cimentos do próximo, abren un negocio… En total, que non paras de ver como isto medra e medra, máis alá da túa capacidade de asombro, porque aínda estás nesa paisaxe na que O Milladoiro non ía máis alá da Avda. Rosalía Castro, con edificios amontoados e rúas tortuosas.

E isto mudou; non tanto, pero mudou. Seguemos a ter unha morea de edificios e os que aínda virán, as beirarrúas xa non son tan tortuosas; pero pouco máis... Polo demais, todo segue máis ou menos igual.

Para comprobalo, propóñovos un reto: pasear polo Milladoiro. Sí, xa sei que non é un exercicio moi pracenteiro: todo costas, rúas ateigadas de xente, coches que zumban por chegar antes, sucidade que tarda en limparse, etc. Pero poñamos os pes sobre a terra. Saiamos ás rúas!

O primeiro que te decatas nese paseo é que a xente do Milladoiro, quere vivir aquí; non sei se pola penitencia que queda cando asinas a hipoteca, pero todas e todos temos máis ou menos claro que aquí é onde queremos poñer o noso futuro. Así saímos ás rúas a mercar, a tropezarte con alguén que hai tempo que non ves, pero que saúdas con alegría por iso de compartir o sino de exiliado de Santiago, que é o que a maioría de nós nos trouxo aquí, ou por calquera outra historia que o pon no bando das amizades. Todo isto, ao carón dun tráfico espantoso que dá caracter a nosa poboación polos riscos que corre cando cruza esta vila dividida. Despois desa trasfega, toca buscar a calma. Pero onde?

A resposta é difícil. Decatádevos, que o paseo é polo Milladoiro, que non podemos ir a Bonaval para repousar, ou cara á Alameda para darlle pan ás pombas. As regras do xogo é que non podemos saír do Milladoiro. Sí. Non hai moito onde pisar, e sobran os dedos de unha man para contar os espazos onde podemos gozar da tranquilidade de pasar un bo rato todas e todos xuntos, en comunidade; a maiores, teríamos que sumar eses espazos verdes que teñen só unha función decorativa, para darlle algo de cor a tanto cemento, pero que fóra dese uso non podes nin pisar a herba. Iso é o que temos. O que teremos? Aínda está por vir. En todo caso, pásmanos que na exposición sobre O Milladoiro que se nos aveciña, aparezan dúas maquetas de edificios (un privado e outro comercial) que non teñen ningún uso público.

É que esta carencia de espazos, trasladase tamén ás instalacións cívicas. Os equipamentos son os que son, e custa, fóra da programación que o Concello ten sobre eses locais, asentar calquera proposta realizada dende a cidadanía ou o seu tecido asociativo.

De aí, que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro anunciará xa a súa pretensión de que o primeiro paso que ía dar era reclamar un espazo de titularidade pública, pero xestión privada, para as entidades asociativas activas presentes nesta poboación. A idea, é montar un hotel de entidades, con despachos, aulas, biblioteca, sala de xuntas, etc. na que todo este tecido, cheo de ilusións pero carente de recursos, atope un espazo no que consolidarse e poder atender a súa misión asociativa. Cremos que esta reivindicación é fundamental para fomentar a participación e crear unha comunidade que se identifique con este lugar, onde pode ser que non ore moito, pero labora a cotío.

Para iso, a directiva contactou con tódalas candidaturas que se presentan neste concello. O propósito non é outro que acadar a promesa de que se constrúa este espazo vital para as veciñas e veciños do Milladoiro dentro dos moitos locais que existen. A vindeira semana comezaremos as xuntanzas coas candidaturas, das que vos daremos conta neste blog, e esperamos que esta idea teña un bo recibimento. Sabemos que non é doado. Calquera administración, sexa do signo que sexa, ten certa desconfianza ante os espazos que non pode controlar; igual que as asociacións, ou a iniciativa privada, ten desconfianza de calquera movemento que faga a Administración Pública. Son xeitos de obrar. Anos e anos de cada un ir polo seu lado coa súa cultura, o seu modo de facer, en torno á construción da sociedade. Quizais sexa o momento de ir cara a outro modelo. Un modelo mixto, no que convivir e dialogar de ti a ti, e estimamos que o Hotel de Entidades é un bo espazo para intentalo.

E para rematar, quédome con Séneca, o filósofo cordobés que hai máis de 2.000 anos dixo unha máxima que aínda temos que conquistar: Xa que vivimos, vivamos dignamente.


Pois veña...