Mostrando entradas con la etiqueta concentración. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta concentración. Mostrar todas las entradas

jueves, 13 de diciembre de 2007

Suma e segue.

Canto cabe na palabra veciño? Á concentración non só asistiron as persoas que aquí vivimos a amosar o seu apoio e cariño á familia de Irene Fernández Fernández, senón que tamén contamos co apoio do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago que estiveron con nós e entregáronnos dous documentos que queremos reproducir aquí:

Os representantes veciñais do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago de Compostela.

Manifestamos:

O apoio á concentración que convoca a Asociación Veciñal Seidón do Milladoiro para que o desgraciado accidente mortal non quede no esquecemento e se busquen solución ao problema de tráfico, para que feitos como este non volvan a ocorrer.

Queremos amosar a nosa solidariedade coa familia de Irene; así como, amosar a nosa dor, xa que ao igual que eles temos fillos e podemos imaxinar o que esta falta supón para a familia.

Asinado: Agustín Pena; Juan Álvarez; Teresa Barral; Xosé Martínez; José Mª Juncal e Marcial Prado.

E este é o seguinte documento:

As asociacións veciñais de Santiago de Compostela que asinamos máis abaixo, reunidos en asemblea veciñal o día 11 de decembro, así como os representantes do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago,

Manifestamos:

1.- A nosa solidariedade e apoio á familia da pequena Irene, víctima inocente do desgraciado accidente acontecido no Milladoiro.

2.- O apoio ás concentracións que a Asociación Veciñal Seidón do Milladoiro, organizará a partir de hoxe mércores, ata conseguir o compromiso do Ministerio de Fomento e as institucións municipais para que esta estrada nacional se desvíe en circunvalación e o tramo actual pase a ser unha rúa máis do casco urbano do Milladoiro.

3.- Facer un chamamento á veciñanza de Ames, Teo e Santiago para asistir a estas concentracións e entre todos facer máis forza.

¡¡¡TODOS E TODAS POR UN MILLADOIRO DIGNO PARA VIVIR E SER VIVIDO!!

Asinantes, as asociacións veciñais:

A Xunlla de Laraño; Zezar; Francisco Gª Beiro de Marrozos; San Xoán de Fecha; O Pasadoiro do Carballal; Polígono de Vite; A Xuntanza do Barrio de San Pedro; Coto de Nai de Aríns; Camiño de Santiago de Bando; As Brañas de Andrés dos Pelamios e Vista Alegre; Alexandre Bóveda de Guadalupe; Río Sarela da Peregrina; Ponte Sionlla de Enfesta; O Castiñeiriño; As Cancelas; Francisco Asorey da Almáciga; Rego das Pedras de Marantes; Domingo Cepeda do Eixo; Federación do Rural de Santiago (Ferusa) e os representantes do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago de Compostela.
A todas estas organizacións, por abrir a palabra veciño/a máis alá da fronteira do barrio onde vivimos: ¡GRAZAS!

miércoles, 12 de diciembre de 2007

Con palabras.Manifesto de apoio e solidariedade coa familia de Irene Fernández Fernández



Hoxe, tódolos veciños e veciñas do Milladoiro e deste concello somos a familia de Irene Fernández Fernández. Hoxe, gustaríanos que todo o mundo, absolutamente todo o mundo, escoitara este silencio. Non é un silencio calquera. É un silencio cheo dunha dor fonda, dunha tristura amarga, dun choro desconsolado e arrepiante. É o silencio que deixan as persoas que amamos e parten. Ese silencio é o noso grito!

Tamén é un silencio que se expande, que debuxa con precisión unha xeografía da morte que percorre tódalas estradas deste país. O cotián desta traxedia fai que moitas xentes pensen que esta lacra é un imposto obrigado por vivir neste tempo cheo de presas sen pausas, e, ao cabo, rematan por pensar que estamos ante unha guerra perdida. Pero non é certo!; pode que se perda algunha batalla, esas que son inevitables e fortuítas, pero temos que gañar todas aquelas batallas que son responsabilidade nosa.

Cada un dende o seu fronte: as administracións creando infraestruturas axeitadas e seguras; as forzas de seguridade axudando á circulación e previndo accidentes; e despois estamos nós: a cidadanía. Cada persoa que se pon ao volante ten unha responsabilidade. Esta empeza polo escrupuloso respecto aos demais, e continúa pola atención e a prudencia á hora de conducir. E isto é o que pedimos dende este silencio doloroso. Nada máis e nada menos.

Esa vai ser a nosa loita.

Por último, queremos trasladarvos o agradecemento da familia de Irene Fernández Fernández polas mostras de cariño, apoio e solidariedade recibidas durante estes días.
(Proximamente colgaremos aquí unha pequena galería da concentración realizada con imaxes cedidas pola empresa editora de Directo Ames)