lunes, 26 de noviembre de 2007

Resultados da asemblea informativa.



O venres 23 de novembro tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a I asemblea informativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro. A intención da convocatoria foi a de dar a coñecer todas aquelas xuntanzas e accións realizadas nos últimos meses pola asociación veciñal. A asistencia, como ven sendo habitual neste tipo de actos (cando e cómo poderemos rachar con esta tendencia?) foi escasa; non máis dunha ducia de veciños e veciñas que se achegaron á asemblea.

Catro foron os eixes sobre os que xirou esta convocatoria: educación, asistencia sanitaria, transportes e vivenda. O panorama educativo do Milladoiro é desalentador. A orixe subliña xa as crebas que temos nesta materia tan esencial. Milladoiro medrou sen que medraran os servizos educativos, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello, que miraban, pola proximidade que o Milladoiro ten coa sombra alongada de Santiago de Compostela, cara a outro lado sen atender a crecente demanda educativa que a chegada de novos veciños e veciñas traía consigo. A calamitosa actuación da anterior concelleira de educación puxo, se cabe, máis leña ao ter como motor esa política de feitos consumados realizada ás costas da comunidade educativa (profesorado, ANPA e Consello Escolar) e obviando calquera sensatez na planificación, non indo máis ala da política de parcheo coa que se atende a educación no noso concello. Ninguén dubida, e aí están as estatísticas tan amadas pola clase política, que a poboación do Milladoiro é unha poboación nova. Nembargante, os recursos educativos son escasos, cando non inexistentes, en tódolos tramos da educación. As garderías non soportan a forte demanda (este ano 87 familias do Milladoiro quedaron fóra da Gardería Municipal), e a creación de novos recursos como a EEI do Milladoiro, ao estar realizada sen visión de futuro, fai que atrase por un ano, o que sempre acontece no Milladoiro: usar o CEIP de Ventín como aparcadoiro dos rapaces e rapazas do noso concello, sen preocuparse da calidade educativa que a saturación a que está sometida ano si e ano tamén impón ao alumnado. Así, dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro fixemos unha aposta que non queremos gañar, pero que moito nos tememos que si gañaremos: Volverán os barracóns (esas sinistras construcións que eles chamaban eufemisticamente “módulos”) a un Ventín que se queda pequeno a todas luces dadas as peculiaridades do territorio no que se asenta. Xa hoxe dá mostras deste esgotamento: falla de profesorado, orientadores saturados de traballo e compartidos entre os dous centros, e isto pódese sumar aínda máis cousas, pois o que acontece é que a educación, no Milladoiro, en caso de ir, pola tendencia destes anos, sempre irá a peor.

Do instituto, qué dicir? Segue a ser o elemento vertebrador que nos falla no Milladoiro, cunha poboación adolescente tan importante e sobre a que, dada a dispersión obrigada a que están sometidos tendo que ir cara Santiago para proseguir os seus estudos, non é doado intervir. O que si sabemos a estas alturas é que, por fin!, a finca na que irá o futuro IES está neste intre en rexistro, polo que se estima que no mes de decembro, seguramente no derradeiro pleno do ano, se trate este tema e cédase este solo á Consellería de Educación. Isto sitúa o novo IES, funcionando e plenamente operativo, no 2009. Cánta espera para un ben tan necesario! Tamén, durante o desenvolvemento da asemblea, fíxose constar por un representante da ANPA da EEI do Milladoiro, as deficiencias desta instalación, así como as dificultades que o seu emprazamento ten actualmente, debido a esa política que se aplica no noso concello de primeiro construír e despois urbanizar, polo que a aventura de levar aos fillos e fillas a este centro, ten un pouco de rally.

Outra situación preocupante son os recursos sanitarios do Milladoiro. A finca destinada no seu intre para o anhelado centro médico do Milladoiro, foi destinada á EEI, e onde se supón que irá este recurso tan esencial, aínda non está desenvolvido; mentres: o famoso parcheo. Parches que aínda así se atrasan. Pedir unha cita, supón polo menos unha espera que non sempre te podes permitir; pero non é a única espera. Con boa lóxica, e mentres non se constrúen os recursos necesarios, o centro médico actual vai agregar o local que o Concello de Ames ten no Milladoiro, ante o traslado deste ao espléndido local que se está acondicionando preto da Praza de Manuel Murguía. Nembargante, a lentitude faraónica desta obra (leva xa máis de ano e medio sen explicación satisfactoria por este atraso), impide que se asignen máis recursos de asistencia sanitaria ao centro médico. Situación: seguemos a padecer unha carencia, que xa é crónica, de recursos ante unha poboación que segue a medrar.

Milladoiro naceu entorno a unha estrada, que segue sendo unha ferida aberta neste núcleo. Non dicimos novidade algunha se expoñemos que un dos problemas de maior calado entre a poboación é todo o referente ao transporte; de feito, ocupou grande parte do debate aberto coas persoas asistentes á asemblea. O tráfico é ese mal que nos acompaña dende primeiras horas da mañá ata que a noite se deita. É un tráfico incesante, con presas pero sen pausas, e que invade unha poboación que se atopa dividida por esta inxente caravana de coches e ruídos. Botarlle a culpa ás obras que se están a realizar, faría que pecharamos os ollos a outros factores e tamén solucións que aliviarían esta agresión constante. Dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro expuxemos ao Concello, Garda Civil, Policía Local e á Dirección Xeral de Transportes a situación que estamos a vivir día si día tamén, e, agás da Garda Civil, que si respondeu á nosa comunicación, as respostas que obtivemos non deixan de ser palabras. Seguramente, hai medidas para diminuír esta presión. Liberar o tramo de autopista dende Padrón, sería unha; pero non a máis importante. O Milladoiro nace coa desgraza de ser un núcleo construído ao albur da cobiza das empresas construtoras en medio dunha estrada nacional. E xa sabemos: cando se xunta a fame a as gañas de comer, non pode saír nada bo. Para nós, parte da solución estaría nun novo planeamento da política de transportes do noso concello. Un concello no que parece que non muda nada, pese á envergadura que vai collendo.

Hai moitas cousas que non se explican; pero unha é esta: cómo é posible que sendo máis e máis poboación, segamos tendo o mesmo transporte que hai once anos. Aínda que a intención é solicitar unha entrevista coa Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, non é doado de entender a concesión de transportes que actualmente sufre O Milladoiro. Ás horas punta, pese ao reforzo nos servizos, os veciños e veciñas do Milladoiro non nos transportan, senón que nos amontoan. A frecuencia de buses, aínda que é unha das virtudes que temos, sabe a pouco. Ás xentes que vivimos aquí, non só nos soluciona que o bus nos deixe na rúa da Rosa, senón que tamén sería desexable unha maior frecuencia dos buses que van cara á Estación de Autobuses, pois así estaríamos máis ou menos conectados con Santiago. A ilustración máis patente desta situación é a seguinte: ten máis doado unha persoa de Santiago ir a traballar en transporte público ao polígono do Milladoiro, que unha persoa do Milladoiro facer o mesmo no polígono do Tambre, e está claro que son moitas as persoas que nun concello e noutro están nesta situación.

Outro punto importante, é o que acontece no Milladoiro cando chega o fin de semana: a frecuencia máis que diminuír, case desaparece. Todos estes puntos teñen que solucionarse. Ten que haber unha nova concesión de transportes que se adapte a unha realidade que xa non é a que era, pero que segue así, entendemos, que co beneplácito da empresa e da Administración autonómica neste caso. Unha mostra deste estado e a seguinte: pese á renovación das marquesiñas das paradas, estas seguen sen contar cun horario de buses, cando non é moi doado facerse co actual, que non deixa de ser un remendo dunha empresa que intenta abarcar máis do que pode atender.

Dende logo, parte da solución pasa por unha aposta decidida e integral do transporte público. Pero non só por iso.

Dende logo, cada vez estamos máis motorizados. O vehículo particular, para moita xente, forma parte do seu corpo, e do uso pasa ao abuso sen que a persoa sexa consciente deste vasalaxe. Esa atinada campaña de que o que importa son os pequenos xestos, a ecoloxía que podemos (e debemos) introducir no cotián, debe estar presente tamén nestas solucións.

Todas e todos sabemos que andar é bo para a saúde; pero para andar no Milladoiro hai que botarlle algo máis que vontade. Non imos falar aquí da escaseza crónica de zonas verdes, deses espazos que, con ese ánimo que non todas e todos temos, chamaría a tomar camiño e facer do paseo non só un exercicio, senón un xeito de relacionarse, de facer comunidade. Isto no Milladoiro non existe. Competimos co cemento e cos coches; e mentres que eles teñen recambios: nós somos únicos. Pero aínda así, hai xente voluntariosa que si fai ese exercicio cheo de temeridades. Ousadía e audacia son ferramentas imprescindibles para andar polo Milladoiro; pero estas enfróntanse a un verdadeiro duelo de titáns, se a intención é tomar camiño e chegar a Santiago de Compostela. Nunca foi doado; máis que nada porque aínda que a conexión con Santiago é boa, é unicamente boa se dispós de vehículo propio, senón: ánimo e valor.

O bo de vivir en cidades pequenas é que estás preto de todo. Pero para dar ese paso, e outros máis que te leven a camiñar, ten que existir, cando menos, unhas beirarrúas. Pois ben, toda esa infraestrutura que se está a facer (e todo hai que dicilo: cunha velocidade abraiante), supón un atranco insalvable se a intención é ir camiñando ata Santiago. Estase a traballar ignorando as persoas que aquí vivimos. Necesitamos unha planeamento que contemple isto, e tamén, como non, un carril bici.

O último tema tratado foi a situación da vivenda no Milladoiro. As xentes que aquí vivimos, na súa maioría, tomamos esta determinación polo abusivo prezo da vivenda en Santiago de Compostela. Esta situación fixo que viñeramos exiliados dalgún xeito. Agora, os tempos son outros. A diferenza, no caso de existir, é pequena e o prezo da vivenda no Milladoiro subiu á estratosfera hipotecaria, sen que conte cos servizos que ten Santiago. Aínda así, séguese a construír, pese a que se estima que un 20% das vivendas están baleiras. Unhas vivendas, que no caso de poñerse no mercado, ben de alugamento ou venda, diminuirían ese ascenso especulador que escolta permanentemente á construción. A isto, súmase a inexistente oferta de vivendas de protección oficial, ese solo que permita un acceso máis doado para todas as persoas.

Como vedes, as carencias son moitas; aínda que tamén o son as potencialidades. E, por ónde pasan estas?

A resposta é por nós, por todas e todos nós. Chegou a hora de deixar de queixarse e levar esa queixa, sempre xusta, á acción.

Participa, comprométete, O Milladoiro tamén é teu e es ti.

martes, 20 de noviembre de 2007

Asemblea Informativa o próximo venres 23 na Casa da Cultura.

Comezamos un novo ano de traballo. A verdade é que nunca o deixamos, e estas datas, con algún que outro atranco, a vida asociativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro seguiu o seu camiño. Durante estes meses, realizamos unha serie de xuntanzas cos grupos municipais para expoñerlles a situación do Milladoiro e saber de primeira man a intención dos grupos políticos presentes no Concello.

Para falar disto e do traballo que imos acometer dende a asociación, convocamos a tódalas veciñas e veciños do Milladoiro a unha asemblea informativa que vai ter lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20.00 h na Casa da Cultura do Milladoiro. É importante contar coa vosa asistencia. Unha asociación ten que repousar sobre o compromiso e participación das xentes que aquí vivimos.

Por outra banda, infórmovos que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro está a vender lotería do Nadal. O prezo é de 5 €, xogando 4 € ao número, e 1 € para o sorteo dunha boa cesta de Nadal.

Estes días estaremos polas rúas do Milladoiro informándovos da celebración da asemblea informativa e recollendo tamén as suxestións que nos queirades realizar.

Esperámosvos o venres 23, ás 20.00 h na Casa da Cultura. Porque imos falar do Milladoiro, que ti esteas é importante.

miércoles, 27 de junio de 2007

Toca dá-las grazas.















Das sardiñas xa non quedan nin as raspas; o pan xa non garda gusto algún desa graxa que nos premia ao final da enchenta con todo o sabor; do viño, xa pasou esa alegría que fai que a persoa descoñecida pase a ser amiga de toda a vida. A noite máis meiga, a noite máis curta, pasou como pasan as cousas con feitas con dicha.

E foi unha noite boa, unha noite para lembrar. Moitos traballos e esforzos fixéronse ata chegar a esa cita que queriamos compartir con tódalas veciñas e veciños do Milladoiro. A ocasión o merecía. As festas sempre o merecen.

Agora, xa pasado o convite, toca dá-las grazas a todas aquelas persoas e organizacións que axudaron a poñer en pe a cacharela do Milladoiro. As primeiras queremos dirixilas a todas as persoas que nos acompañastes. Todo isto era para vós, e dígovos que pagou a pena facelo, pois a vosa alegría é tamén a nosa.

Pero hai unhas grazas que si podemos personalizar. Son esas que axudaron a poñer en pe a cacharela, a que todo o que ofrecíamos nela tivese a xenerosidade que as empresas e entidades puxeron para esta ocasión.

Comecemos coas colaboradoras. Unhas GRAZAS así de grandes aos seguintes establecementos e empresas: Trebol, Fervi, Óptica Tambre, Modimel-La, Libraría Boo, Expert, TNT – Tatoo, Viaxes Sercom, Gelina, Aqca, Farmados, Pernas, Carnicería José, Animal Center, Baguett, Pastelería Capricho, Careba, Óptica Vinte, Chambra, O Cafelito, APP Informática, Euromoure, Perruquería Eklipse, Adega Anxeriz, Deportes Diero, Fotos Cecilia, Freixomar, Mercería Mabe, Calzados Raxia, Escaravello, Fotos Fernando, 11*22, Bar de Pepe, Kiosko Jose, Ferretería Posecal, A Medida Costureira, Cristalería Obradoiro, Estanco do Milladoiro, Restaurante O Rincón do Milladoiro, Marco Persoal, e Quiosco Maruxía.

E, por último, as empresas patrocinadoras que puxeron unha achega importante para que a cacharela saíra adiante. Sen a súa xenerosidade e altruísmo todo o que vivistes este sábado non sería o que foi. GRAZAS!: Bar Plaza, Inmobiliaria Inmogar, Perruquería Kontraste, Os Telares de Amber, La Jungla, Jelbar, Centro Británico, Quiosco Mar & Mar, Xoiería Milladoiro, Ropa’s Moda, Calviño, Mi Detergente, Inmobiliaria Galiza Norte, Tinturería Natural Clean, Cafetería Disti Boc, Cafe Bar Ritrovo, Asociación de Empresarios do Milladoiro Comercial (AEMI).

Pero non podemos rematar sen repartir estas grazas á xente que se achegou á Praza de Manuel Murguía para colaborar connosco. Sen Bernardo, sen Santiago, sen Jose Antonio, sen Ana, sen Alonso, sen Jorge, sen outros moitos que estiveron ao noso carón, non poderíamos facer todo o que fixemos. Sempre estades aí, sempre con xenerosidade (e nós, sempre abusando). ¡Grazas!

E agora, xa para rematar, toca poñer medallas. Nin que dicir ten que todas e todos dimos o noso traballo e compromiso, pero é honesto poñer algunha que outra medalla aos compañeiros e compañeiras de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro que estiveron día a día preparando esta cacharela para que fose non só unha festa, senón unha festa ben feita. E esas medallas, con toda xustiza e mérito, teñen que ir aos compañeiros Alberto do Río e César Caramés. Eles foron os responsables principais de contactar con todas estas empresas e institucións e embarcalas nesa pequena aventura que foi a Cacharela 2007, e vistos os resultados: deron na diana! Tamén a María Xosé Abuín e María José Ayaso que ampliaron o radio de acción a outros establecementos e empresas ata facer da cacharela un propósito compartido por moitas xentes; e qué dicir de Loli, non só é a memoria e a cronista do Milladoiro, senón que a súa libraría (por certo, as follas de inscrición que entregamos por si queredes asociarvos as podedes presentar na Libraría Anxeríz) está sendo esa sede que aínda non temos e que ela ofrece cunha xenerosidade sen taxa.

Por último, se queredes que colguemos algunha das fotografías que fixestes esa noite, podédelas enviar a: asociacion.milladoiro@gmail.com e no prazo máis breve posible montamos esa galería.

Unha aperta.

viernes, 22 de junio de 2007

Noite meiga



Supoño que cando aprendemos a dominalo, comezamos a adoralo. É a noite máxica dende os tempos máis remotos. E nós, na nosa Galiza, fixemos da noite máis curta, a noite máis meiga.

É a noite do lume, desas cacharelas que plantan cara a escuridade, que cos seus fumes espantan ás meigas e malos espíritos; pero tamén é a noite da auga, desa que purifica e fecunda; tamén do orballo e do reino vexetal que nesta noite acadan o mellor das súas propiedades máxica e curativas.

Todo isto está nesta noite. Pero os galegos, cando queremos celebrar algo, botamos man á fartura. Dicía Cunqueiro que o galego cando atopaba algo que non coñecía o primeiro que facía e ver se era comestible; tamén falaba da afección polos nosos viños, dos que pensaba que tiñan máis gañas de falar que nós e que rememoraban os lugares, os amores, as despedidas...

Pois destes dous pantagruélicos reinos, xunto con ese lume que todo o vence, daremos boa conta a noite do sábado 23 na cacharela que se fará, a partir das 21.30, na Praza de Manuel Murguía.

Sardiñas de Ribeira, pan de millo, e viño de Cambados (e auga para os rapaces e rapazas) están esperando a todas as veciñas e veciños que se acheguen ata esta praza co ánimo de divertirse e gozar da noite máis meiga do ano.

Esperámosvos!

viernes, 15 de junio de 2007

30 anos


Hoxe estamos de celebración. 30 anos xa! Non é este o lugar para facer grandes análises do que este período supuxo e supón. A proba do nove é a normalidade co que estamos vivindo; unha normalidade que fai que esquezamos moitas veces o valor que esta conquista tivo.

Estes días miramos cara atrás. Numerosos programas están retratando aquel ano que marca unha fronteira na nosa historia. Ves as imaxes e custa crer que España fora aquilo; pero o era. Recoñeces aos seus protagonistas, a cada un deses líderes (que entón si o eran, pois estiveron á altura dese tempo) e sénteste irmán de toda esa xente anónima que percorría as rúas cheos de esperanzas...

Por iso, hoxe, todas e todos nós, temos 30 anos! Non importa a túa idade, tes 30 anos! 30 anos de convivencia, de diálogo, de liberdade (falta aínda a paz, que todos temos, pero que a derradeira herdanza do franquismo –ETA- aínda non nola dá), de saber que as diferenzas non fan adversarios, aínda que os faladoiros dalgunhas radios e doutros salvadores estean empeñados en resucitar as dúas españas e digan o contrario.

Hoxe, como cada un de todos eses días que xa vivimos, toca celebralo; mañá, outra proba máis desta festa da democracia: constitúense os concellos.



E outro vídeo máis, cos verdadeiros protagonistas daquel tempo: Nós, o pobo:

martes, 5 de junio de 2007

Tráfico e transporte


Lembrades cando de cativos nos preguntaban aquilo de con qué limitaba España. Non temades, non imos someter a proba o que sabedes, senón facer un breve paseo pola xeografía do Milladoiro.

O Milladoiro non sabemos moi ben con quén nin con qué limita; o que si sabemos é o que o cruza. Se saímos á rúa, o primeiro con que nos imos atopar é con esa ferida aberta no mesmo seo da nosa veciñanza, que é a estrada NVI que, ao seu paso polo Milladoiro, toma o nome de Avda. de Rosalía de Castro. Esta atestada vía soporta a tódalas horas un tráfico intenso, ruidoso e veloz. Ás aglomeracións nas horas puntas, que agora son unha chea delas, non seguen remansos de paz, senón un fluír continuo de vehículos nos dous sensos que fan de vivir aquí, unha opción arriscada. E aquí vivimos nós; pero parece que non é así. O Milladoiro parece máis preparado para os coches que o cruzan que para as persoas que aquí moramos. Un exemplo disto son os semáforos. Non sabemos moi ben quén son os encargados de axustar os ciclos destes elementos; pero está claro que á hora de facelo están a pensar nos que consumen gasolina e non nos que consumimos paciencia para cruzar esa fronteira que é a Avda. Rosalía Castro.

Pero se non hai queixa coa cantidade de vehículos que pasan, si a hai co transporte que temos. Costa crer, pero é certo, que seguimos tendo o mesmo servizo de transporte público que hai quince anos. Somos máis; pero os buses seguen sendo os mesmos, coas mesmas frecuencias e con ese desaparecer do mapa que chega cando ven o remanso do fin de semana. A parte das arbitrariedades xa comentadas, como que os pais e nais que van con rapaces teñan que encartar o carriño do bebé, que non sabemos moi ben a qué responden, pero que actuaremos, está o servizo que se ofrece ás horas puntas. Todas e todos os que estamos a pasar por isto, sabemos moi ben a sensación de sardiña en lata que che queda se tes a obriga de coller o bus nun deses horarios atestados. Por moito que o condutor diga que hai sitio atrás, o único espazo que queda é o da indignación polo trato que estamos a recibir. Non cabe máis xente; pero a empresa, e con ela tamén o Concello, aínda están traballando sobre ese cheque en branco que é a nosa paciencia, e que advertimos que está sen fondos.

De aí, que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro, vai realizar unha campaña pola calidade do transporte público e porque O Milladoiro deixe de ser vista coma unha estrada de paso e non coma unha comunidade.

Esperamos contar con todas e todos vós. Xa vos iremos informando.


ETA


Onte, con motivo de saír hoxe á rúa, tivemos unha pequena xuntanza no Bar Pepé. Xa sabedes cómo son. Poste a falar dunha cousa, de outra, e así vai saíndo a vida con todas esas pequenas cousas ás que nos enfrontamos… que se o tráfico, que se as beirarrúas, que se a escaseza de zonas verdes, que se isto, que se aquilo. Ao remate, como a vida non son só problemas, tamén houbo tempo para o encontro e a diversión. Nesa emoción de querer facer, comezamos a falar de celebrar a máxica noite de San Xoán, pois non hai mellor cousa que pasar ese tempo entre veciños. Sabemos que aínda que é unha chea de traballo, é un bo momento para estar todas e todos xuntos divertíndonos e estreitar eses lazos de comunidade que queremos crear, polo que esa ilusión, que é contaxiosa pois nada se contaxia mellor que as boas esperanzas, foi o estado no que nos despedimos onte.

Hoxe, ao espertar, erguinme cunha lousa de corenta anos ao escoitar que ETA liquidaba o alto o fogo. Outra vez secuestráronnos a actualidade, as esperanzas, ese dereito a vivir en paz que conquistamos non hai tanto. Un dereito que leva unha chea de anos escurecido por un regueiro de mortos sen sentido. E volven, e volven coa pretensión de que iso que están a facer, ten unha xustificación, ten un por qué. Pero qué por qué ou para qué agocha un atentado? Que xustificación última existe por enriba dese dereito a vivir en paz e en liberdade? A verdade é que ningunha. Ningunha desas mortes ten pretexto ou xustificación, só dor, só traxedia, so ver as nosas liberdades secuestradas por esa banda de asasinos que na súa tolería pensan que a violencia derrotará á paz, que a cidadanía renderase ante as bombas, antes os tiros, ante a morte que sufrimos cada un de nós cada vez que asasinan a unha persoa. E non. Non acontecerá. Por moi tristes que hoxe esteamos, esa tristeza non apagará á nosa indignación, e non retrocederemos nin un paso, neste estado de dereito que é unha illa na nosa violenta historia, ante os asasinos, pois somos xente de ben, deses que cren que a liberdade é o mellor dos estados, e a violencia unha anomalía, un instrumento que non leva a ningunha parte.

Hoxe so queda pedir que todos os partidos políticos estean á altura da cidadanía que representan, esa que sabe que o único inimigo é ETA e o único que sobra polo tanto é ela, e que a única arma que temos é a unidade de todos, sen excepción, e o estado de dereito no que convivimos.

ETA NON!