Ante a imposibilidade de colgar o documento dos Estatuos en PDF, ofrecémosvos o contido dos mesmos neste arrigo para que así teñades unha idea dos fins, dereitos e deberes que se recollen neste documento.
ESTATUTOS DE “SEIDÓN. ASOCIACIÓN VECIÑAL DO MILLADOIRO”
CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º.-
“Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro” constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo ámbito de actuación territorial estará limitado a este núcleo urbano.
Baixo a denominación de “Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro” sometese ao réxime xurídico da vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e demais disposicións vixentes.
A Asociación rexerase polos principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 2º.-
Constitúese por tempo indefinido e so se disolverá conforme ao establecido nos presentes Estatutos, pola vontade dos asociados e asociadas expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
Esta Asociación, como suxeito de dereito e para o cumprimento dos seus fins, ten a personalidade que lle confiren as leis, como titular de dereitos e responsable das obrigas que contraia en toda clase de actos e contratos de carácter civil, tais como adquisición, alleamento e gravame de ben mobles e inmobles, precisos para o desenvolvemento dos seus fins e para a xestión dos intereses xerais dos seus asociados e asociadas.
Artigo 3º.-
Serán fins da Asociación:
a) Tódolos relacionados coa defensa xeral dos seus asociados en canto a problemas da situación urbanística do Milladoiro: rúas, rede de sumidoiros, auga, alumeado, etc.; e asesoramento aos veciños sobre estas cuestións, así como presentar propostas de solución ás autoridades competentes.
b) Cooperar ao bo funcionamento das institucións educativas, sanitarias, etc., do Milladoiro, a cuxos efectos poderá cursar as oportunas propostas e informacións aos órganos competentes.
c) Prestar axuda solidaria ás familias máis necesitadas ou con problemáticas sociais máis perentorias, colaborando na busca de saídas a estas problemáticas sociais derivadas de situacións de marxinación ou exclusión social.
d) Cooperar coas institucións de cara a conseguir un mellor aproveitamento dos recursos para toda a comunidade.
e) Promover a defensa do consumidor por tódolos medios legais, incluso procurando a constitución de entidades para este fin.
f) En xeral, a defensa dos intereses lexítimos da comunidade e a elevación do nivel cultural e físico dos asociados e asociadas, e traballar na procura do benestar social dos veciños e veciñas.
Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organiza-las actividades de tipo social, cultural, deportivo, etc., que considere oportunas en cada momento.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados e asociadas, nin outras persoas físicas ou xurídicas, con interese lucrativo.
Artigo 4º.-
O domicilio principal e permanente da asociación radica na localidade de Ames, na Rúa Agro do Medio, 3 – portal 2 – 1º A. 15895 / O Milladoiro. Teléfono: 699 – 44 37 03, correo electrónico asociacion.milladoiro@gmail.com
CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS
Artigo 5º.-
Teñen a consideración de socios fundadores os que, presentes no acto de constitución, asinen a correspondente acta, figurando os seus nomes e Documentos de Identidade inscritos na mesma.
Artigo 6º.-
Poderán ser membros da Asociación tódalas persoas físicas que teñan domicilio no núcleo urbano do Milladoiro, teñan capacidade de obrar e o soliciten voluntariamente. Estes novos socios terán a consideración de numerarios.
Artigo 7º.-
A admisión de socios que non residan no núcleo urbano ao que facemos referencia queda rigorosamente prohibida, por canto non gardaría a lóxica coherencia entre denominación e condicións para ser socio/a.
Artigo 8º.-
A Xunta Directiva estará obrigada a declarar procedente a admisión de todos aqueles que, téndoo solicitado en forma, segundo as condicións establecidas nestes Estatutos e nos artigos precedentes, cumpran os requisitos establecidos.
A admisión será facultativa cando o presunto socio tivera sido expulsado con anterioridade desta Asociación. Da expulsión ou, no seu caso, da readmisión deberá gardar a Xunta Directiva, que dun xeito ou outro tivera procedido, documentación suficiente para responder no seu día diante da Asemblea.
A Xunta Directiva facilitará documentación acreditativa da condición de socio e/ou socia.
Artigo 9º.-
Tódolos socios e socias terán igualdade de dereitos dende o momento da súa admisión, sempre que estean ao corrente de pago das cotas e cumpran as normas establecidas nos Estatutos.
Artigo 10º.-
Os membros da Asociación terán dereito a:
a) Dispor dos servizos que a Asociación poida facilitarlles así como participar nas actividades da Asociación.
b) Asistir ás Asembleas Xerais con voz e voto.
c) Ocupar os cargos para os que sexan elixidos
d) Informar e ser informados dos asuntos nos que a Asociación puidera intervir, así como da composición dos órganos de goberno e representación, do estado de contas e do desenvolvemento das súas actividades.
e) Procurar a máis estreita unión entre os asociados.
f) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar a ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
g) Impugna-los acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos.
Artigo 11º.-
Son obrigas dos asociados e asociadas:
a) Comparti-las finalidades da Asociación e colaborar para a súa consecución.
b) Paga-las cotas que se establezan.
c) Desempeña-los cargos que se establezan.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.
e) Acata-los contidos destes Estatutos.
f) Ter unha boa conduta individual e cívica.
Os socios e socias non poderán realizar individualmente actuación análogas ás que exercite a Asociación en beneficio común e en nome da mesma, sen o consentimento e conformidade previos da Xunta Directiva.
Artigo 12º.-
Perderase a condición de asociado ou asociada:
a) Por baixa voluntaria, que terá efectos no mes seguinte á comunicación.
b) Por falta de pago das cotas durante dúas anualidades consecutivas.
c) Cando se intente entorpecer ou prexudicar a marcha e bo funcionamento da Asociación.
d) Por maltrato dado ás instalacións mobles ou inmobles que estean ao servizo da Asociación.
e) Por incumprimento manifesto destes Estatutos.
f) Por falecemento do socio ou socia.
A expulsión de socios e socias nos supostos b), c), d), e), será acordada pola Xunta Directiva, logo do expediente disciplinario e da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
O socio que causara baixa por calquera destes motivos, non ten dereito algún a reintegro das súas achegas económicas á Asociación ou a indemnización de ningún tipo.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 13º.-
Corresponde a plena soberanía da Asociación á Asemblea Xeral. Non obstante, por delegación e mandato desta, o goberno, administración e representación da mesma se transmite de modo permanente á Xunta Directiva, tendo esta as seguintes atribucións:
- Programar e dirixi-las actividades asociativas.
- Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
- Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
- Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
- Propoñer á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados e asociadas.
- Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.
- Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
- Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados ou asociadas.
- Propoñe-lo plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
- Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
- Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da asociación.
Artigo 14º.-
A Xunta Directiva estará composta por un Presidente/a, un Vicepresidente/a, un Secretario/a, un Tesoureiro/a, e polos vocais que a Asemblea Xeral decida en cada momento.
Artigo 15º.-
Con carácter consultivo poderán estar integrados nesta Xunta Directiva os asesores ou técnicos precisos para o cumprimento dos fins resultantes dos Estatutos. Ditos asesores ou técnicos gozarán de voz, pero xamais de voto.
Artigo 16º.-
A actuación da Xunta Directiva é decisoria e executiva, requirindo os seus acordos maioría simple dos asistentes.
Artigo 17º.-
Tódolos cargos da Xunta Directiva serán exercidos de maneira totalmente gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán de carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Asociación.
Os asesores ou técnicos percibirán os honorarios que se conveñan en cada caso, pola súa actuación profesional.
Artigo 18º.-
A Xunta Directiva reunirase, cando menos, unha vez ao mes baixo a presidencia do seu titular ou, no seu defecto, do Vicepresidente/a. Se por causa xustificada ningún destes puidera asistir, presidirá a Xunta Directiva, o membro de maior idade. Igualmente, no caso de non poder asistir o Secretario/a, ocupará o seu sitio e realizará as súas funcións o membro de menor idade.
No suposto de que, inxustificadamente, se produza a ausencia dun directivo/a en tres reunións consecutivas, producirase o seu cese no cargo.
A Xunta Directiva considerarase constituída sempre que, previa convocatoria, estean presentes, cando menos, a metade máis un dos seus membros.
Artigo 19º.-
Poderá reunirse a Xunta Directiva con carácter extraordinario cando o solicite calquera dos seus compoñentes ou por convocatoria do Presidente/a.
Artigo 20.-
A Xunta Directiva queda facultada para interpretar os Estatutos así como para resolver calquera asunto non previsto nos mesmos, dando conta á primeira Asemblea Xeral que se celebre con posterioridade.
Artigo 21º.-
Corresponderá ao Presidente/a a representación legal e oficial da Asociación podendo designar avogados e procuradores; a sinatura dos documentos da mesma; convocar xuntas; dirixir os debates nas sesións decidindo, en caso de empate, co seu voto de calidade; cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral; resolver por si mesmo toda cuestión que, pola súa importancia ou urxencia, sexa necesario para o mellor cumprimento dos fins da Asociación, vindo obrigado a dar conta disto á Xunta Directiva; autorizar coa súa sinatura as actas – certificacións e outros documentos, sendo así mesmo Director/a dos servizos da Asociación.
Artigo 22º.-
O Vicepresidente/a substituirá ao Presidente/a en caso de ausencia ou enfermidade; por designación súa exercerá as súas funcións e presidirá as sesións de maior importancia que determine o Presidente/a da Asociación.
Artigo 23º.-
O Secretario/a terá ao seu cargo o arquivo da Asociación e a custodia dos documentos da mesma. Recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso. Levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e asociadas. Redactará e custodiará as actas e a memoria anual e expedirá as certificacións destas co visto e prace do Presidente/a. Estenderá as convocatorias e terá ao seu cargo todo o funcionamento administrativo da Asociación, auxiliando ao Presidente/a e/ou Vicepresidente/a nos cometidos que estes lle encomenden. Levará o inventario dos bens da Asociación nun libro establecido para este efecto. En xeral, terá baixo a súa dirección o réxime interior da Asociación.
Artigo 24º.-
O Secretario/a poderá, se o caso o require, solicitar a colaboración dun/dunha auxiliar para atender o funcionamento administrativo da entidade.
Artigo 25º.-
O Secretario/a, para dar cumprimento ao artigo 24º, terá que someter o caso á aprobación do resto da Xunta Directiva.
Artigo 26º.-
O Secretario/a establecerá o xeito máis adecuado para o despacho dos asuntos.
Artigo 27º.-
O Tesoureiro/a recadará e terá baixo a súa custodia os fondos e valores da Asociación e intervirá coa súa sinatura en tódolos documentos de cobro e pago, co visto e prace do Presidente/a. Levará a contabilidade da Asociación. Elaborará os presupostos, balances e estados de contas. Ordenará o cobro de cotas e, en xeral, terá ao seu cargo o funcionamento económico da Asociación, que deberá ter sempre ao día e a disposición dos asociados e asociadas do xeito que determine a Xunta Directiva. Tamén terá ao seu cargo os libros de contabilidade e os auxiliares necesarios, en xeral, todas aquelas funcións de tipo contable e fiscal que puidera haber lugar.
O Tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 31 de xaneiro.
No caso de ser necesaria unha persoa que colabore co Tesoureiro/a para o cumprimento das súas xestións, a Xunta Directiva designará un vocal, poñéndoo en coñecemento, chegado o momento, da Asemblea Xeral.
Artigo 28º.-
Os vocais terán as seguintes atribucións:
- Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
- Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
Artigo 29º.-
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá constituír comisións para realizar determinados traballos quedando en liberdade para nomear a ditos efectos aos asociados e asociadas mais idóneos que considere.
A Xunta Directiva nomeará os delegados/as que estime oportuno e cuxa misión será a de facilitar información e difundir as notas e circulares, convocatorias, etc., sendo así mesmo, os portavoces diante da Xunta Directiva.
Artigo 30º.-
A Xunta Directiva será elixida pola Asemblea Xeral por un período de un ano, aínda que pode ser obxecto de reelección tantas veces como o esta o decida.
Os cargos da Xunta Directiva poderán cesar na mesma por: falecemento; renuncia voluntaria; transcurso do prazo para o que foron elixidos; acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados e asociadas reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer efectivo un traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.
As vacantes que se produzan durante o período comprendido entre elección e elección, serán cubertas inmediatamente coa aceptación da metade máis un dos membros da Xunta Directiva, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.
En calquera caso, a Xunta Directiva deberá estar integrada por un mínimo de tres persoas, que exercerán as funcións de Presidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a.
Artigo 31º.-
Ademais das funcións xurídicas e das derivadas da plena soberanía e dominio que inspiran estes Estatutos, as Asembleas Xerais axustaranse ao procedemento que estatutariamente se exprese.
Artigo 32º.-
As Asembleas Xerais Ordinarias celebraranse unha vez ao ano, e dentro do primeiro trimestre.
As súas competencias son:
- Aproba-lo plan de actividades.
- Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
- Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
- Exame e aprobación das cotas.
- Elección da Xunta Directiva
Artigo 33º.-
Poderán celebrarse Asembleas Extraordinarias convocadas pola Xunta Directiva ou a petición dun 10 % dos socios e socias. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente/a, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a Orde do Día.
As súas competencias son:
- Modifica-los Estatutos da Asociación.
- Cesa-los membros integrantes da Xunta Directiva.
- Aproba-la federación con outras asociacións.
- Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
- Acorda-la disolución da asociación.
- Designa-los/as liquidadores/as.
- Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
- Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
- Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
- As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
- Tódalas competencias non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 34º.-
As Asembleas Xerais, ordinarias e extraordinarias, serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente/a.
A notificación farase nos locais da Asociación, para as asembleas ordinarias, e no domicilio dos asociados e asociadas, para as asembleas extraordinarias.
Quedarán validamente constituídas cando en primeira convocatoria asistan a metade máis un dos seus compoñentes, e en segunda convocatoria, media hora despois da primeira, cos asistentes presentes no número de houbera, contando sempre coa presenza do Presidente/a ou Vicepresidente/a e o Secretario/a, ou persoa que o substitúa, sendo válidos os acordos que sexan tomados por maioría simple dos asistentes, a excepción daqueles supostos que se recollen nestes Estatutos e para os que se require unha maioría superior.
Os acordos acadados conforme a estes Estatutos obrigarán a tódolos asociados e asociadas, incluso aos non asistentes.
Artigo 35º.-
As Asembleas serán dirixidas polo Presidente/a da Asociación e, no seu defecto, polo Vicepresidente/a.
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente/a. Seguidamente procederase, por parte do Secretario/a, á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o Secretario/a procederá a presenta-la Orde do Día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e á aprobación do correspondentes acordos nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.
Os acordos que vaian contra estes Estatutos, ou infrinxan os fins da Asociación, poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 36º.-
Os medios económicos da Asociación estarán constituídos polas cotas dos seus asociados e asociadas e os bens mobles e inmobles, rendas, subvencións, doazóns, legados e cantas achegas se poidan recibir e a Asociación acepte.
Artigo 37º.-
A facultade de dispor do patrimonio da Asociación corresponde á Asemblea Xeral. A súa administración, consonte queda dito, á Xunta Directiva.
Artigo 38º.-
A asociación conta cun patrimonio valorado en 100 euros.
O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 39º.-
A cota social establecerase na cota anual que a Asemblea acorde, con posibilidade de modificación posterior pola propia Asemblea, destinándose a atende-las necesidades da Asociación. O sistema recadatorio establecerase pola Xunta Directiva.
Artigo 40º.-
O presuposto anual da Asociación será o establecido en cada momento pola Asemblea Xeral.
Artigo 41º.-
Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, deberán ter recoñecida a sinatura o Presidente/a, o Vicepresidente/a e o Tesoureiro/a, para a utilización mancomunada de dúas delas.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 42º.-
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 43º.-
Os presentes Estatutos non poderán ser modificados ata transcorridos dous anos, cando menos, da súa entrada en vigor, a excepción do referente á súa denominación ou ao seu domicilio social.
Artigo 44º.-
Para a modificación dos presentes Estatutos, transcorrido o prazo a que se fai referencia no artigo anterior, será preciso o acordo da Asemblea Xeral, convocada a tal fin con carácter extraordinario, e coa aprobación de dúas terceiras partes dos asociados e asociadas asistentes.
Artigo 45º.-
A Asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados e asociadas adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 46º.-
Acordada, en debida forma, a disolución da Asociación, designarase pola propia Asemblea Xeral en que se adopte tal decisión, unha comisión integrada por cinco socios e/ou socias, que xunto ao Presidente/a e o Tesoureiro/a, terán como misión a de levar a cabo, no prazo máis breve posible, a liquidación total do activo e pasivo. De existir activo, será liquidado do xeito que acorde a Asemblea Xeral, tendo en conta que, baixo ningún concepto, poderá ser distribuído entre os asociados e asociadas. En consecuencia, habería de ir destinado a asociacións sen animo de lucro, asociacións benéficas, centros educacionais, etc., inscritas na comunidade autónoma.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.