sábado, 26 de mayo de 2007

Promesas e compromisos (e II)


No anterior post xa vos comentábamos que dentro da rolda de contactos que estableceu Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro cos partidos políticos que se presentan a estas eleccións municipais, quedaba pendente a xuntanza coa candidatura do PSdeG-PSOE, que encabeza o Alcalde en funcións, Carlos Fernández. Igual que cos demais partidos, puxémonos en contacto para adiantarlle o obxecto desta xuntanza. Todo este primeiro contacto estableceuse co membro da candidatura, Francisco Doval, que foi o encargado de comunicar esta demanda ao candidato á alcaldía.

Durante a mañá do martes 22, recibimos a chamada persoal de Carlos Fernández. Unha chamada cordial na que, de primeira man, expuxemos a intención e o porqué da creación dun espazo de titularidade pública que estivese xestionado polas asociacións activas do Milladoiro. Nesa mesma charla, indicounos que esta petición, definida por nós como hotel de entidades, estaba recollida xa no programa co que se presentaba á alcaldía de Ames baixo o nome de casa das asociacións. Continuamos falando sobre este tema e a necesidade de articular no Milladoiro un sentimento de comunidade que afaste a deshumanización cara que deriva. Ao remate da charla, o candidato a Alcalde, quedou en chamar para fixar unha cita na que recibiría aos representantes da asociación veciñal. Pola nosa parte, entendendo a trafega que leva aparellada unha campaña como esta cunha chea de actos ao longo do día, indicámoslle que non habería ningún problema respecto do horario desta pequena xuntanza, que, en todo caso, nós nos adaptaríamos á súa axenda. Así, ao remate da charla Carlos Fernández indicou que volvería a chamar para tratar de fixar a reunión entre o mércores o xoves, ou no caso de non poder ser: quedarían catro anos por diante para traballar xuntos.

Ben, como estes días xa pasaron, e aínda non recibimos a chamada, optamos, na nosa aposta pola transparencia de todo o que estamos a facer e faremos, por facer público este feito que non sabemos moi ben cómo interpretar.

Entendemos que o fin último, informalo do compromiso que queríamos conseguir en tódalas candidaturas, está, en certa maneira, cumprido; pero costa entender ese silencio posterior.

Dito isto, admítese calquera interpretación que teñades sobre este feito que vos expoñemos.

No hay comentarios: