jueves, 13 de diciembre de 2007

Suma e segue.

Canto cabe na palabra veciño? Á concentración non só asistiron as persoas que aquí vivimos a amosar o seu apoio e cariño á familia de Irene Fernández Fernández, senón que tamén contamos co apoio do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago que estiveron con nós e entregáronnos dous documentos que queremos reproducir aquí:

Os representantes veciñais do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago de Compostela.

Manifestamos:

O apoio á concentración que convoca a Asociación Veciñal Seidón do Milladoiro para que o desgraciado accidente mortal non quede no esquecemento e se busquen solución ao problema de tráfico, para que feitos como este non volvan a ocorrer.

Queremos amosar a nosa solidariedade coa familia de Irene; así como, amosar a nosa dor, xa que ao igual que eles temos fillos e podemos imaxinar o que esta falta supón para a familia.

Asinado: Agustín Pena; Juan Álvarez; Teresa Barral; Xosé Martínez; José Mª Juncal e Marcial Prado.

E este é o seguinte documento:

As asociacións veciñais de Santiago de Compostela que asinamos máis abaixo, reunidos en asemblea veciñal o día 11 de decembro, así como os representantes do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago,

Manifestamos:

1.- A nosa solidariedade e apoio á familia da pequena Irene, víctima inocente do desgraciado accidente acontecido no Milladoiro.

2.- O apoio ás concentracións que a Asociación Veciñal Seidón do Milladoiro, organizará a partir de hoxe mércores, ata conseguir o compromiso do Ministerio de Fomento e as institucións municipais para que esta estrada nacional se desvíe en circunvalación e o tramo actual pase a ser unha rúa máis do casco urbano do Milladoiro.

3.- Facer un chamamento á veciñanza de Ames, Teo e Santiago para asistir a estas concentracións e entre todos facer máis forza.

¡¡¡TODOS E TODAS POR UN MILLADOIRO DIGNO PARA VIVIR E SER VIVIDO!!

Asinantes, as asociacións veciñais:

A Xunlla de Laraño; Zezar; Francisco Gª Beiro de Marrozos; San Xoán de Fecha; O Pasadoiro do Carballal; Polígono de Vite; A Xuntanza do Barrio de San Pedro; Coto de Nai de Aríns; Camiño de Santiago de Bando; As Brañas de Andrés dos Pelamios e Vista Alegre; Alexandre Bóveda de Guadalupe; Río Sarela da Peregrina; Ponte Sionlla de Enfesta; O Castiñeiriño; As Cancelas; Francisco Asorey da Almáciga; Rego das Pedras de Marantes; Domingo Cepeda do Eixo; Federación do Rural de Santiago (Ferusa) e os representantes do Consello de Relacións Veciñais do Concello de Santiago de Compostela.
A todas estas organizacións, por abrir a palabra veciño/a máis alá da fronteira do barrio onde vivimos: ¡GRAZAS!

miércoles, 12 de diciembre de 2007

E agora, que?

Aínda que a nosa intención é continuar, entrando no período que imos entrar, entendemos que o mellor é cancelar as concentracións ata o vindeiro mércores, 9 de xaneiro de 2008; para despois podelas continuar coa periodicidade que fixamos. Iso, polo que se refire ás concentracións. O que non imos parar é esta campaña para desbotar dunha puta vez a estrada N550 do noso núcleo. Para isto, a vindeira semana sairemos ás rúas do Milladoiro cunha recollida de sinaturas que imos enviar á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez. A vez, imos abrir unha serie de entrevistas cos responsables autonómicos, así como coa ministra de Fomento.

Esperamos poder contar co voso apoio. Sen vós, non chegaríamos á meta que os veciñas e veciñas do Milladoiro queremos e necesitamos.

¡¡GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!!

Con palabras.Manifesto de apoio e solidariedade coa familia de Irene Fernández Fernández



Hoxe, tódolos veciños e veciñas do Milladoiro e deste concello somos a familia de Irene Fernández Fernández. Hoxe, gustaríanos que todo o mundo, absolutamente todo o mundo, escoitara este silencio. Non é un silencio calquera. É un silencio cheo dunha dor fonda, dunha tristura amarga, dun choro desconsolado e arrepiante. É o silencio que deixan as persoas que amamos e parten. Ese silencio é o noso grito!

Tamén é un silencio que se expande, que debuxa con precisión unha xeografía da morte que percorre tódalas estradas deste país. O cotián desta traxedia fai que moitas xentes pensen que esta lacra é un imposto obrigado por vivir neste tempo cheo de presas sen pausas, e, ao cabo, rematan por pensar que estamos ante unha guerra perdida. Pero non é certo!; pode que se perda algunha batalla, esas que son inevitables e fortuítas, pero temos que gañar todas aquelas batallas que son responsabilidade nosa.

Cada un dende o seu fronte: as administracións creando infraestruturas axeitadas e seguras; as forzas de seguridade axudando á circulación e previndo accidentes; e despois estamos nós: a cidadanía. Cada persoa que se pon ao volante ten unha responsabilidade. Esta empeza polo escrupuloso respecto aos demais, e continúa pola atención e a prudencia á hora de conducir. E isto é o que pedimos dende este silencio doloroso. Nada máis e nada menos.

Esa vai ser a nosa loita.

Por último, queremos trasladarvos o agradecemento da familia de Irene Fernández Fernández polas mostras de cariño, apoio e solidariedade recibidas durante estes días.
(Proximamente colgaremos aquí unha pequena galería da concentración realizada con imaxes cedidas pola empresa editora de Directo Ames)

lunes, 10 de diciembre de 2007

Concentración silenciosa.


Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro convoca a tódalas veciñas e veciños do Milladoiro a unha concentración silenciosa de solidariedade e apoio á familia de Irene Fernández Fernández.

Esta concentración vai ter lugar o mércores 12, ás 19.00 h, nas dúas beirarrúas da Avda. Rosalía Castro, a altura do Ximnasio Squash.

Esperamos poder contar coa vosa presenza neste acto que nace coa pretensión de solidarizarnos con esta familia veciña, e concienciar da inseguridade que supón a actual situación desta rúa que cruza O Milladoiro.

jueves, 6 de diciembre de 2007

Aconteceu.



Onte chegamos ás nosas casas coa tristura dunha nova que nunca quixemos que acontecera: Unha veciña do Milladoiro, Irene Fernández Fernández, foi atropelada na Avd. de Rosalía Castro. A nova correu como a pólvora, pois dalgún xeito, o que acontecera, podía pasarnos a calquera de nós. Seguro que Irene, e a súa familia, non saíu do noso pensamento. Cada un, dende a súa fe, pregaba para que esta rapaza de seis anos saíra o mellor parada dun feito coma este. Pero de nada serviu. Hoxe a traxedia deu un paso máis: o que ninguén quería.

O que está a vivir esa familia! Que consolo queda ante esa dor infinita e desgarradora? Seguramente que poucos ou ningún. Aínda así, dende aquí, queremos expresar as nosas máis fondas condolencias á familia de Irene Fernández.

E que máis podemos facer? Parece ser que a fatalidade está na orixe deste suceso. Aínda así, a esa fatalidade inevitable, súmase un factor que multiplica o impacto ata levalo ao resultado que hoxe padecemos.

A Avd. de Rosalía Castro é unha rúa do Milladoiro; quizais a rúa principal. Pero esta rúa principal, resulta que é unha estrada nacional. Unha estrada que soporta un tráfico incesante: coches e máis coches, camións de todo calado invaden constante e incesantemente esta rúa que divide ao Milladoiro. Esta forzada convivencia non é doada, e, como podemos ver, incluso é tráxica. Que non acontezan máis sucesos, seguro que se debe ás habilidades que temos as persoas que aquí vivimos e a boa sorte que nos acompaña; pero que acontezan só se debe a unha cousa: que unha estrada nacional pase polo centro dun núcleo de poboación tan importante.

Dende sempre, os veciños e veciñas do Milladoiro sentimos que esta situación é insostible. As peticións feitas para poñer en pe as solucións a este problema están aí non dende agora, tras acontecer esta desgraza, senón dende sempre. A circunvalación e a reurbanización da Avd. de Rosalía Castro é unha petición xa sabida, xa coñecida, pero á que as administracións públicas seguen sen facer caso; e moitos nos tememos, que seguirán.

Pero alguén ten que dicir que xa basta! Xa non podemos máis. Agora que a dor nos atenaza pola irreparable e tráxica perda de Irene Fernández, é o momento de converter esta pena e esta rabia, e o momento de que saiamos á rúa para que isto non volva a suceder. Nolo debemos a nós, e tamén a ela, a ese ela que ten un nome, pero que podía ser o nome de calquera das persoas que aquí vivimos cercados polos riscos desta estrada.

Para iso, convocámosvos para o vindeiro mércores 12 de decembro a unha concentración que terá lugar ás 19.00 h no mesmo sitio que aconteceu esta desgraza.

Unha concentración que repetiremos semana a semana ata que esta ruleta rusa pase de ser unha estrada nacional a unha rúa máis do casco urbano do Milladoiro.

Esperámosvos!

miércoles, 28 de noviembre de 2007

Débedas históricas.


Seguro que xa o listes nos xornais: Presentáronse os orzamentos, cualificados de órdago polo noso alcalde, para o vindeiro ano. A cifra, para os que chegamos mal a fin de mes, e da que nos nubra a vista: 33.522.727 €. Agora só queda que os aproben e executen; pero en todo caso, o que salientaba o alcalde é que con estes orzamentos pagábase unha débeda histórica co Milladoiro. Si, veciños e veciñas, parece ser que o noso amado Milladoiro recibirá desta torta tan apetecible a cantidade de 7 millóns de euros para o vindeiro ano. Pero que non medren as envexas!, porque xa aclarou que pasado ese ano Milladoiro, volverán as augas ao seu leito e virá o 2009 para poñer as cousas no seu sitio en Bertamiráns. Hoxe por ti, mañá por min.

Claro que a débeda máis que histórica, e longa, moi longa. Tan longa como a chea de ladrillos construídos sen ter en conta, que despois, vano habitar xentes, persoas que coma ti que non só dormen no Milladoiro, senón que tamén viven; tan longa como eses servizos sanitarios que xa quedan pequenos para os que somos pacientes (de paciencia); tan longa, como a escaseza de parques para os nosos rapaces e rapazas; tan longa, como a parcheada situación da educación no Milladoiro (do IES aínda non se di nada, parece que os nosos fillos e fillas, cando medran, non teñen outro destino que emigrar a Santiago); tan longa como esas zonas verdes inexistentes ou deterioradas; tan longa coma a inexistencia de equipamentos para os nosos maiores; tan longa coma a deshumanización do urbanismo que soportamos; tan longa (AQUÍ IRÍA AQUELA DÉBEDA QUE VÓS CONSIDEREDES, E QUE VOS ANIMAMOS A POÑER NOS COMENTARIOS).

Señor alcalde, a débeda que o concello que vostede preside ten co Milladoiro ten tantos anos de existencia coma a constitución dos concellos democráticos. Así que mire vostede se ten que pagar! Claro que non só o Concello tería que pagar; non estaría de máis que todas as construtoras que se beneficiaron da cobiza que se lles permitiu, tiveran esa responsabilidade social tan en boga e pagaran pola desfeita realizada no Milladoiro. Claro que solicitar isto é crer nos Reis Magos; pero qué carallo, estamos preto do Nadal e en algo hai que crer!

Nós, particularmente, non cremos nos titulares. Si, xa sabemos que o que sae nos medios de comunicación ten visos sempre de ser verdade. Pero estamos nun tempo que falar non ten cancela; e por esta falta de valor, hoxe dise haches e mañá bes. Nós, por descridos, só cremos nos feitos. E dígolle que estamos desexando velos. Nada desexamos máis! Cómo non imos desexar ver a Travesía do Porto rematada? E Anxeriz, e Travesa! (e se seguemos así: tódalas rúas!) Pero non sei porque me dá por crer, que antes de ver todo isto feito, estará en pé o novo Centro Comercial do Milladoiro. Sabe por qué? Porque aquí os construtores son os que fan algo (e máis un complexo como este que só procura os nosos cartos).

Ao mellor acontece, e non pense que somos desagradecidos, que visto o que padecemos ano tras ano, xa nin as boas novas dannos moita esperanza. Quen sabe!

A min todo isto non deixa de lémbrame un diálogo moi famoso dos xeniais Irmáns Marx en Sopa de Ganso, e que caio na tentación de reproducir:

Margaret Dumont: Espero que siga os pasos do meu marido.
Groucho Marx: Que lles parece? Non levo aquí nin cinco minutos e xa se me está insinuando. Onde está?
Margaret Dumont: Esta morto... Eu mesma estiven con el ata o derradeiro momento.
Groucho Marx: Agora sei por qué pasou a mellor vida.
Margaret Dumont: Abraceino e biqueino.
Groucho Marx: Entendo: Foi asasinado. Quere casar comigo? Deixoulle algún carto? Conteste primeiro á segunda pregunta.
Margaret Dumont: Deixoume toda a súa fortuna.
Groucho Marx: É certo? Non ve o que quero dicirlle? Quéroa!
Pois nada:
Estamos desexando querer máis obras e servizos!!

lunes, 26 de noviembre de 2007

Resultados da asemblea informativa.



O venres 23 de novembro tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a I asemblea informativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro. A intención da convocatoria foi a de dar a coñecer todas aquelas xuntanzas e accións realizadas nos últimos meses pola asociación veciñal. A asistencia, como ven sendo habitual neste tipo de actos (cando e cómo poderemos rachar con esta tendencia?) foi escasa; non máis dunha ducia de veciños e veciñas que se achegaron á asemblea.

Catro foron os eixes sobre os que xirou esta convocatoria: educación, asistencia sanitaria, transportes e vivenda. O panorama educativo do Milladoiro é desalentador. A orixe subliña xa as crebas que temos nesta materia tan esencial. Milladoiro medrou sen que medraran os servizos educativos, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello, que miraban, pola proximidade que o Milladoiro ten coa sombra alongada de Santiago de Compostela, cara a outro lado sen atender a crecente demanda educativa que a chegada de novos veciños e veciñas traía consigo. A calamitosa actuación da anterior concelleira de educación puxo, se cabe, máis leña ao ter como motor esa política de feitos consumados realizada ás costas da comunidade educativa (profesorado, ANPA e Consello Escolar) e obviando calquera sensatez na planificación, non indo máis ala da política de parcheo coa que se atende a educación no noso concello. Ninguén dubida, e aí están as estatísticas tan amadas pola clase política, que a poboación do Milladoiro é unha poboación nova. Nembargante, os recursos educativos son escasos, cando non inexistentes, en tódolos tramos da educación. As garderías non soportan a forte demanda (este ano 87 familias do Milladoiro quedaron fóra da Gardería Municipal), e a creación de novos recursos como a EEI do Milladoiro, ao estar realizada sen visión de futuro, fai que atrase por un ano, o que sempre acontece no Milladoiro: usar o CEIP de Ventín como aparcadoiro dos rapaces e rapazas do noso concello, sen preocuparse da calidade educativa que a saturación a que está sometida ano si e ano tamén impón ao alumnado. Así, dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro fixemos unha aposta que non queremos gañar, pero que moito nos tememos que si gañaremos: Volverán os barracóns (esas sinistras construcións que eles chamaban eufemisticamente “módulos”) a un Ventín que se queda pequeno a todas luces dadas as peculiaridades do territorio no que se asenta. Xa hoxe dá mostras deste esgotamento: falla de profesorado, orientadores saturados de traballo e compartidos entre os dous centros, e isto pódese sumar aínda máis cousas, pois o que acontece é que a educación, no Milladoiro, en caso de ir, pola tendencia destes anos, sempre irá a peor.

Do instituto, qué dicir? Segue a ser o elemento vertebrador que nos falla no Milladoiro, cunha poboación adolescente tan importante e sobre a que, dada a dispersión obrigada a que están sometidos tendo que ir cara Santiago para proseguir os seus estudos, non é doado intervir. O que si sabemos a estas alturas é que, por fin!, a finca na que irá o futuro IES está neste intre en rexistro, polo que se estima que no mes de decembro, seguramente no derradeiro pleno do ano, se trate este tema e cédase este solo á Consellería de Educación. Isto sitúa o novo IES, funcionando e plenamente operativo, no 2009. Cánta espera para un ben tan necesario! Tamén, durante o desenvolvemento da asemblea, fíxose constar por un representante da ANPA da EEI do Milladoiro, as deficiencias desta instalación, así como as dificultades que o seu emprazamento ten actualmente, debido a esa política que se aplica no noso concello de primeiro construír e despois urbanizar, polo que a aventura de levar aos fillos e fillas a este centro, ten un pouco de rally.

Outra situación preocupante son os recursos sanitarios do Milladoiro. A finca destinada no seu intre para o anhelado centro médico do Milladoiro, foi destinada á EEI, e onde se supón que irá este recurso tan esencial, aínda non está desenvolvido; mentres: o famoso parcheo. Parches que aínda así se atrasan. Pedir unha cita, supón polo menos unha espera que non sempre te podes permitir; pero non é a única espera. Con boa lóxica, e mentres non se constrúen os recursos necesarios, o centro médico actual vai agregar o local que o Concello de Ames ten no Milladoiro, ante o traslado deste ao espléndido local que se está acondicionando preto da Praza de Manuel Murguía. Nembargante, a lentitude faraónica desta obra (leva xa máis de ano e medio sen explicación satisfactoria por este atraso), impide que se asignen máis recursos de asistencia sanitaria ao centro médico. Situación: seguemos a padecer unha carencia, que xa é crónica, de recursos ante unha poboación que segue a medrar.

Milladoiro naceu entorno a unha estrada, que segue sendo unha ferida aberta neste núcleo. Non dicimos novidade algunha se expoñemos que un dos problemas de maior calado entre a poboación é todo o referente ao transporte; de feito, ocupou grande parte do debate aberto coas persoas asistentes á asemblea. O tráfico é ese mal que nos acompaña dende primeiras horas da mañá ata que a noite se deita. É un tráfico incesante, con presas pero sen pausas, e que invade unha poboación que se atopa dividida por esta inxente caravana de coches e ruídos. Botarlle a culpa ás obras que se están a realizar, faría que pecharamos os ollos a outros factores e tamén solucións que aliviarían esta agresión constante. Dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro expuxemos ao Concello, Garda Civil, Policía Local e á Dirección Xeral de Transportes a situación que estamos a vivir día si día tamén, e, agás da Garda Civil, que si respondeu á nosa comunicación, as respostas que obtivemos non deixan de ser palabras. Seguramente, hai medidas para diminuír esta presión. Liberar o tramo de autopista dende Padrón, sería unha; pero non a máis importante. O Milladoiro nace coa desgraza de ser un núcleo construído ao albur da cobiza das empresas construtoras en medio dunha estrada nacional. E xa sabemos: cando se xunta a fame a as gañas de comer, non pode saír nada bo. Para nós, parte da solución estaría nun novo planeamento da política de transportes do noso concello. Un concello no que parece que non muda nada, pese á envergadura que vai collendo.

Hai moitas cousas que non se explican; pero unha é esta: cómo é posible que sendo máis e máis poboación, segamos tendo o mesmo transporte que hai once anos. Aínda que a intención é solicitar unha entrevista coa Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, non é doado de entender a concesión de transportes que actualmente sufre O Milladoiro. Ás horas punta, pese ao reforzo nos servizos, os veciños e veciñas do Milladoiro non nos transportan, senón que nos amontoan. A frecuencia de buses, aínda que é unha das virtudes que temos, sabe a pouco. Ás xentes que vivimos aquí, non só nos soluciona que o bus nos deixe na rúa da Rosa, senón que tamén sería desexable unha maior frecuencia dos buses que van cara á Estación de Autobuses, pois así estaríamos máis ou menos conectados con Santiago. A ilustración máis patente desta situación é a seguinte: ten máis doado unha persoa de Santiago ir a traballar en transporte público ao polígono do Milladoiro, que unha persoa do Milladoiro facer o mesmo no polígono do Tambre, e está claro que son moitas as persoas que nun concello e noutro están nesta situación.

Outro punto importante, é o que acontece no Milladoiro cando chega o fin de semana: a frecuencia máis que diminuír, case desaparece. Todos estes puntos teñen que solucionarse. Ten que haber unha nova concesión de transportes que se adapte a unha realidade que xa non é a que era, pero que segue así, entendemos, que co beneplácito da empresa e da Administración autonómica neste caso. Unha mostra deste estado e a seguinte: pese á renovación das marquesiñas das paradas, estas seguen sen contar cun horario de buses, cando non é moi doado facerse co actual, que non deixa de ser un remendo dunha empresa que intenta abarcar máis do que pode atender.

Dende logo, parte da solución pasa por unha aposta decidida e integral do transporte público. Pero non só por iso.

Dende logo, cada vez estamos máis motorizados. O vehículo particular, para moita xente, forma parte do seu corpo, e do uso pasa ao abuso sen que a persoa sexa consciente deste vasalaxe. Esa atinada campaña de que o que importa son os pequenos xestos, a ecoloxía que podemos (e debemos) introducir no cotián, debe estar presente tamén nestas solucións.

Todas e todos sabemos que andar é bo para a saúde; pero para andar no Milladoiro hai que botarlle algo máis que vontade. Non imos falar aquí da escaseza crónica de zonas verdes, deses espazos que, con ese ánimo que non todas e todos temos, chamaría a tomar camiño e facer do paseo non só un exercicio, senón un xeito de relacionarse, de facer comunidade. Isto no Milladoiro non existe. Competimos co cemento e cos coches; e mentres que eles teñen recambios: nós somos únicos. Pero aínda así, hai xente voluntariosa que si fai ese exercicio cheo de temeridades. Ousadía e audacia son ferramentas imprescindibles para andar polo Milladoiro; pero estas enfróntanse a un verdadeiro duelo de titáns, se a intención é tomar camiño e chegar a Santiago de Compostela. Nunca foi doado; máis que nada porque aínda que a conexión con Santiago é boa, é unicamente boa se dispós de vehículo propio, senón: ánimo e valor.

O bo de vivir en cidades pequenas é que estás preto de todo. Pero para dar ese paso, e outros máis que te leven a camiñar, ten que existir, cando menos, unhas beirarrúas. Pois ben, toda esa infraestrutura que se está a facer (e todo hai que dicilo: cunha velocidade abraiante), supón un atranco insalvable se a intención é ir camiñando ata Santiago. Estase a traballar ignorando as persoas que aquí vivimos. Necesitamos unha planeamento que contemple isto, e tamén, como non, un carril bici.

O último tema tratado foi a situación da vivenda no Milladoiro. As xentes que aquí vivimos, na súa maioría, tomamos esta determinación polo abusivo prezo da vivenda en Santiago de Compostela. Esta situación fixo que viñeramos exiliados dalgún xeito. Agora, os tempos son outros. A diferenza, no caso de existir, é pequena e o prezo da vivenda no Milladoiro subiu á estratosfera hipotecaria, sen que conte cos servizos que ten Santiago. Aínda así, séguese a construír, pese a que se estima que un 20% das vivendas están baleiras. Unhas vivendas, que no caso de poñerse no mercado, ben de alugamento ou venda, diminuirían ese ascenso especulador que escolta permanentemente á construción. A isto, súmase a inexistente oferta de vivendas de protección oficial, ese solo que permita un acceso máis doado para todas as persoas.

Como vedes, as carencias son moitas; aínda que tamén o son as potencialidades. E, por ónde pasan estas?

A resposta é por nós, por todas e todos nós. Chegou a hora de deixar de queixarse e levar esa queixa, sempre xusta, á acción.

Participa, comprométete, O Milladoiro tamén é teu e es ti.

martes, 20 de noviembre de 2007

Asemblea Informativa o próximo venres 23 na Casa da Cultura.

Comezamos un novo ano de traballo. A verdade é que nunca o deixamos, e estas datas, con algún que outro atranco, a vida asociativa de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro seguiu o seu camiño. Durante estes meses, realizamos unha serie de xuntanzas cos grupos municipais para expoñerlles a situación do Milladoiro e saber de primeira man a intención dos grupos políticos presentes no Concello.

Para falar disto e do traballo que imos acometer dende a asociación, convocamos a tódalas veciñas e veciños do Milladoiro a unha asemblea informativa que vai ter lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20.00 h na Casa da Cultura do Milladoiro. É importante contar coa vosa asistencia. Unha asociación ten que repousar sobre o compromiso e participación das xentes que aquí vivimos.

Por outra banda, infórmovos que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro está a vender lotería do Nadal. O prezo é de 5 €, xogando 4 € ao número, e 1 € para o sorteo dunha boa cesta de Nadal.

Estes días estaremos polas rúas do Milladoiro informándovos da celebración da asemblea informativa e recollendo tamén as suxestións que nos queirades realizar.

Esperámosvos o venres 23, ás 20.00 h na Casa da Cultura. Porque imos falar do Milladoiro, que ti esteas é importante.

miércoles, 27 de junio de 2007

Toca dá-las grazas.















Das sardiñas xa non quedan nin as raspas; o pan xa non garda gusto algún desa graxa que nos premia ao final da enchenta con todo o sabor; do viño, xa pasou esa alegría que fai que a persoa descoñecida pase a ser amiga de toda a vida. A noite máis meiga, a noite máis curta, pasou como pasan as cousas con feitas con dicha.

E foi unha noite boa, unha noite para lembrar. Moitos traballos e esforzos fixéronse ata chegar a esa cita que queriamos compartir con tódalas veciñas e veciños do Milladoiro. A ocasión o merecía. As festas sempre o merecen.

Agora, xa pasado o convite, toca dá-las grazas a todas aquelas persoas e organizacións que axudaron a poñer en pe a cacharela do Milladoiro. As primeiras queremos dirixilas a todas as persoas que nos acompañastes. Todo isto era para vós, e dígovos que pagou a pena facelo, pois a vosa alegría é tamén a nosa.

Pero hai unhas grazas que si podemos personalizar. Son esas que axudaron a poñer en pe a cacharela, a que todo o que ofrecíamos nela tivese a xenerosidade que as empresas e entidades puxeron para esta ocasión.

Comecemos coas colaboradoras. Unhas GRAZAS así de grandes aos seguintes establecementos e empresas: Trebol, Fervi, Óptica Tambre, Modimel-La, Libraría Boo, Expert, TNT – Tatoo, Viaxes Sercom, Gelina, Aqca, Farmados, Pernas, Carnicería José, Animal Center, Baguett, Pastelería Capricho, Careba, Óptica Vinte, Chambra, O Cafelito, APP Informática, Euromoure, Perruquería Eklipse, Adega Anxeriz, Deportes Diero, Fotos Cecilia, Freixomar, Mercería Mabe, Calzados Raxia, Escaravello, Fotos Fernando, 11*22, Bar de Pepe, Kiosko Jose, Ferretería Posecal, A Medida Costureira, Cristalería Obradoiro, Estanco do Milladoiro, Restaurante O Rincón do Milladoiro, Marco Persoal, e Quiosco Maruxía.

E, por último, as empresas patrocinadoras que puxeron unha achega importante para que a cacharela saíra adiante. Sen a súa xenerosidade e altruísmo todo o que vivistes este sábado non sería o que foi. GRAZAS!: Bar Plaza, Inmobiliaria Inmogar, Perruquería Kontraste, Os Telares de Amber, La Jungla, Jelbar, Centro Británico, Quiosco Mar & Mar, Xoiería Milladoiro, Ropa’s Moda, Calviño, Mi Detergente, Inmobiliaria Galiza Norte, Tinturería Natural Clean, Cafetería Disti Boc, Cafe Bar Ritrovo, Asociación de Empresarios do Milladoiro Comercial (AEMI).

Pero non podemos rematar sen repartir estas grazas á xente que se achegou á Praza de Manuel Murguía para colaborar connosco. Sen Bernardo, sen Santiago, sen Jose Antonio, sen Ana, sen Alonso, sen Jorge, sen outros moitos que estiveron ao noso carón, non poderíamos facer todo o que fixemos. Sempre estades aí, sempre con xenerosidade (e nós, sempre abusando). ¡Grazas!

E agora, xa para rematar, toca poñer medallas. Nin que dicir ten que todas e todos dimos o noso traballo e compromiso, pero é honesto poñer algunha que outra medalla aos compañeiros e compañeiras de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro que estiveron día a día preparando esta cacharela para que fose non só unha festa, senón unha festa ben feita. E esas medallas, con toda xustiza e mérito, teñen que ir aos compañeiros Alberto do Río e César Caramés. Eles foron os responsables principais de contactar con todas estas empresas e institucións e embarcalas nesa pequena aventura que foi a Cacharela 2007, e vistos os resultados: deron na diana! Tamén a María Xosé Abuín e María José Ayaso que ampliaron o radio de acción a outros establecementos e empresas ata facer da cacharela un propósito compartido por moitas xentes; e qué dicir de Loli, non só é a memoria e a cronista do Milladoiro, senón que a súa libraría (por certo, as follas de inscrición que entregamos por si queredes asociarvos as podedes presentar na Libraría Anxeríz) está sendo esa sede que aínda non temos e que ela ofrece cunha xenerosidade sen taxa.

Por último, se queredes que colguemos algunha das fotografías que fixestes esa noite, podédelas enviar a: asociacion.milladoiro@gmail.com e no prazo máis breve posible montamos esa galería.

Unha aperta.

viernes, 22 de junio de 2007

Noite meiga



Supoño que cando aprendemos a dominalo, comezamos a adoralo. É a noite máxica dende os tempos máis remotos. E nós, na nosa Galiza, fixemos da noite máis curta, a noite máis meiga.

É a noite do lume, desas cacharelas que plantan cara a escuridade, que cos seus fumes espantan ás meigas e malos espíritos; pero tamén é a noite da auga, desa que purifica e fecunda; tamén do orballo e do reino vexetal que nesta noite acadan o mellor das súas propiedades máxica e curativas.

Todo isto está nesta noite. Pero os galegos, cando queremos celebrar algo, botamos man á fartura. Dicía Cunqueiro que o galego cando atopaba algo que non coñecía o primeiro que facía e ver se era comestible; tamén falaba da afección polos nosos viños, dos que pensaba que tiñan máis gañas de falar que nós e que rememoraban os lugares, os amores, as despedidas...

Pois destes dous pantagruélicos reinos, xunto con ese lume que todo o vence, daremos boa conta a noite do sábado 23 na cacharela que se fará, a partir das 21.30, na Praza de Manuel Murguía.

Sardiñas de Ribeira, pan de millo, e viño de Cambados (e auga para os rapaces e rapazas) están esperando a todas as veciñas e veciños que se acheguen ata esta praza co ánimo de divertirse e gozar da noite máis meiga do ano.

Esperámosvos!

viernes, 15 de junio de 2007

30 anos


Hoxe estamos de celebración. 30 anos xa! Non é este o lugar para facer grandes análises do que este período supuxo e supón. A proba do nove é a normalidade co que estamos vivindo; unha normalidade que fai que esquezamos moitas veces o valor que esta conquista tivo.

Estes días miramos cara atrás. Numerosos programas están retratando aquel ano que marca unha fronteira na nosa historia. Ves as imaxes e custa crer que España fora aquilo; pero o era. Recoñeces aos seus protagonistas, a cada un deses líderes (que entón si o eran, pois estiveron á altura dese tempo) e sénteste irmán de toda esa xente anónima que percorría as rúas cheos de esperanzas...

Por iso, hoxe, todas e todos nós, temos 30 anos! Non importa a túa idade, tes 30 anos! 30 anos de convivencia, de diálogo, de liberdade (falta aínda a paz, que todos temos, pero que a derradeira herdanza do franquismo –ETA- aínda non nola dá), de saber que as diferenzas non fan adversarios, aínda que os faladoiros dalgunhas radios e doutros salvadores estean empeñados en resucitar as dúas españas e digan o contrario.

Hoxe, como cada un de todos eses días que xa vivimos, toca celebralo; mañá, outra proba máis desta festa da democracia: constitúense os concellos.



E outro vídeo máis, cos verdadeiros protagonistas daquel tempo: Nós, o pobo:

martes, 5 de junio de 2007

Tráfico e transporte


Lembrades cando de cativos nos preguntaban aquilo de con qué limitaba España. Non temades, non imos someter a proba o que sabedes, senón facer un breve paseo pola xeografía do Milladoiro.

O Milladoiro non sabemos moi ben con quén nin con qué limita; o que si sabemos é o que o cruza. Se saímos á rúa, o primeiro con que nos imos atopar é con esa ferida aberta no mesmo seo da nosa veciñanza, que é a estrada NVI que, ao seu paso polo Milladoiro, toma o nome de Avda. de Rosalía de Castro. Esta atestada vía soporta a tódalas horas un tráfico intenso, ruidoso e veloz. Ás aglomeracións nas horas puntas, que agora son unha chea delas, non seguen remansos de paz, senón un fluír continuo de vehículos nos dous sensos que fan de vivir aquí, unha opción arriscada. E aquí vivimos nós; pero parece que non é así. O Milladoiro parece máis preparado para os coches que o cruzan que para as persoas que aquí moramos. Un exemplo disto son os semáforos. Non sabemos moi ben quén son os encargados de axustar os ciclos destes elementos; pero está claro que á hora de facelo están a pensar nos que consumen gasolina e non nos que consumimos paciencia para cruzar esa fronteira que é a Avda. Rosalía Castro.

Pero se non hai queixa coa cantidade de vehículos que pasan, si a hai co transporte que temos. Costa crer, pero é certo, que seguimos tendo o mesmo servizo de transporte público que hai quince anos. Somos máis; pero os buses seguen sendo os mesmos, coas mesmas frecuencias e con ese desaparecer do mapa que chega cando ven o remanso do fin de semana. A parte das arbitrariedades xa comentadas, como que os pais e nais que van con rapaces teñan que encartar o carriño do bebé, que non sabemos moi ben a qué responden, pero que actuaremos, está o servizo que se ofrece ás horas puntas. Todas e todos os que estamos a pasar por isto, sabemos moi ben a sensación de sardiña en lata que che queda se tes a obriga de coller o bus nun deses horarios atestados. Por moito que o condutor diga que hai sitio atrás, o único espazo que queda é o da indignación polo trato que estamos a recibir. Non cabe máis xente; pero a empresa, e con ela tamén o Concello, aínda están traballando sobre ese cheque en branco que é a nosa paciencia, e que advertimos que está sen fondos.

De aí, que Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro, vai realizar unha campaña pola calidade do transporte público e porque O Milladoiro deixe de ser vista coma unha estrada de paso e non coma unha comunidade.

Esperamos contar con todas e todos vós. Xa vos iremos informando.


ETA


Onte, con motivo de saír hoxe á rúa, tivemos unha pequena xuntanza no Bar Pepé. Xa sabedes cómo son. Poste a falar dunha cousa, de outra, e así vai saíndo a vida con todas esas pequenas cousas ás que nos enfrontamos… que se o tráfico, que se as beirarrúas, que se a escaseza de zonas verdes, que se isto, que se aquilo. Ao remate, como a vida non son só problemas, tamén houbo tempo para o encontro e a diversión. Nesa emoción de querer facer, comezamos a falar de celebrar a máxica noite de San Xoán, pois non hai mellor cousa que pasar ese tempo entre veciños. Sabemos que aínda que é unha chea de traballo, é un bo momento para estar todas e todos xuntos divertíndonos e estreitar eses lazos de comunidade que queremos crear, polo que esa ilusión, que é contaxiosa pois nada se contaxia mellor que as boas esperanzas, foi o estado no que nos despedimos onte.

Hoxe, ao espertar, erguinme cunha lousa de corenta anos ao escoitar que ETA liquidaba o alto o fogo. Outra vez secuestráronnos a actualidade, as esperanzas, ese dereito a vivir en paz que conquistamos non hai tanto. Un dereito que leva unha chea de anos escurecido por un regueiro de mortos sen sentido. E volven, e volven coa pretensión de que iso que están a facer, ten unha xustificación, ten un por qué. Pero qué por qué ou para qué agocha un atentado? Que xustificación última existe por enriba dese dereito a vivir en paz e en liberdade? A verdade é que ningunha. Ningunha desas mortes ten pretexto ou xustificación, só dor, só traxedia, so ver as nosas liberdades secuestradas por esa banda de asasinos que na súa tolería pensan que a violencia derrotará á paz, que a cidadanía renderase ante as bombas, antes os tiros, ante a morte que sufrimos cada un de nós cada vez que asasinan a unha persoa. E non. Non acontecerá. Por moi tristes que hoxe esteamos, esa tristeza non apagará á nosa indignación, e non retrocederemos nin un paso, neste estado de dereito que é unha illa na nosa violenta historia, ante os asasinos, pois somos xente de ben, deses que cren que a liberdade é o mellor dos estados, e a violencia unha anomalía, un instrumento que non leva a ningunha parte.

Hoxe so queda pedir que todos os partidos políticos estean á altura da cidadanía que representan, esa que sabe que o único inimigo é ETA e o único que sobra polo tanto é ela, e que a única arma que temos é a unidade de todos, sen excepción, e o estado de dereito no que convivimos.

ETA NON!

lunes, 4 de junio de 2007

Sairemos á rúa.


Ata agora, o único xeito de contacto que temos con vós é a través deste espazo blog no que vertemos as nosas intencións e feitos, de igual xeito que está aberto á vosa participación. Nembargante, sabemos que as veciñas e veciños do Milladoiro non están só navegando pola rede, senón vivindo e percorrendo as rúas da nosa veciñanza.

Nestas rúas estaremos mañá nós. Queremos presentarnos, deixar que sexa o cara a cara o noso vehículo para explicarvos o que pretendemos; pero tamén para escoitarvos. Así que mañá, durante toda a tarde, estaremos diante de Supermercados El Árbol para achegarvos esta asociación que é vosa: Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro

viernes, 1 de junio de 2007

A morte de Folole Muliaga


Se cho din, se cho conta alguén, non o cres; pero saíu na televisión!, ese notario de traxedias que se solapan unhas a outras ata deixarnos insensibilizados. Mostra disto é que onte saía na Voz de Galicia a unha columna, nun pequeno espazo sen moitas máis explicacións. Seguro que pensaron: Total, só é unha morte!

E tiñan razón. Non hai ese número escandaloso que chama con igual fortaleza ao noso morbo, e tras este, á nosa compaixón. Dende aquel feroz tsunami do 2005 non é doado chamar á nosa solidariedade, á nosa indignación, ao noso compromiso. Puxo o teito demasiado alto, a 220.000 mortos de alto! E así non hai maneira! Seguen ocorrendo desgrazas, pero a nosa sensibilidade está demasiado cauterizada como para sentir algo que vaia máis aló do noso embigo.

Derrótannos as traxedias! Unha tras outra convéncenos de que pouco, ou mellor nada, podemos facer por mudar este mundo. E este é un xuízo tan tatuado no noso sentir que evita que sintamos culpa ou responsabilidade algunha polo que acontece. Pero témola. Todas e todos temos o noso grao de responsabilidade, e tamén, como non, de culpa. Que o mal triúnfe, depende so de que todas e todos nós quedemos quedos, sen facer nada, mirando cara outro lado mentres a inxustiza segue medrando. E miramos; e, incluso, atopamos momentos para sorrir. Porque os hai. Sempre os hai; pero hai veces...!

Hai ocasións, no que as dixestións son pesadas; pero tan pesadas, que nin sequera logras facelas. Son as que quedan aí, esganadas, deixando que ese amargor aínda se espese máis ata que quedas seco, case como morto, pois non o podes crer. Pero acontece. Tódolos días, sen excepción.

A historia é triste, tristísima. A protagonista, unha muller: Folole Muliaga. Unha muller que podía ser veciña de calquera de nós, sen nós saber que existía e o que estaba a pasar polas súas carnes. É o prezo deste tempo que vivimos!: pecharnos na casa e non saber, cinco ou dez anos despois, cómo se chama ese veciño que te cruzas de tarde en tarde no ascensor. E iso xa non nos sorprende. Hai unha morea de noticias que falan desa soidade, dese vivir rodeado de xentes sen máis lazos que os accidentais, que só logran facer grandes aglomeracións pero non chegan a constituír comunidade.

A nosa protagonista tivo unha das profesións máis bonitas que existen: mestra de escola. Seguro que tiña unha grande vocación; hai que tela para aturar esa desbandada de rapaces e rapazas cheos de enerxía e enchelos de coñecementos e valores que quedarán aí para os restos. Aposto a que o fixo ben; aínda que só fose porque foi nai de catro fillos. Supoño que unha muller coma ela estaría nunha escola desas da periferia, tratando con agarimo a eses rapaces e rapazas que despois xa se encargaría a vida de sacudilos ata deixalos mallados. O digo pola foto. Notase a cara de boa persoa, chea desa amabilidade acolledora de paraíso perdido que pintou Gaugin. Pero como non hai edén sen serpe, a vida tróuxolle unha enfermidade. Era respiratoria; non especifican cál. Non é moi importante para a nosa historia; para a súa si: tivo que deixar de traballar. Repito: fai falla ter moitos folgos para aturar a unha chea de rapazas e rapaces!

Isto non trouxo máis que o comezo da deriva desa muller e a súa familia ata fondear na miseria; pero non unha calquera! Esta non a coñecedes. Rara vez sae na televisión. No é coma esa do Terceiro Mundo, esa que se asoma e amosa a cotío cunha crueza impúdica . Non, non é esa. Da que eu falo é a que se agocha entre catro paredes espidas e desesperanzadas. E a historia do pobre na casa do rico. Nesta historia, o pobre sempre sente vergoña; nesta historia, o pobre non deixa preguntarse por qué entre tanto rico, el é miserento; nesta historia, o pobre nunca atopa resposta á súa pregunta; nesta historia, a rabia remata por afogarse en alcohol e a soidade só ten ecos.

Pero, Folole, nin iso! Ela dependía para vivir dunha máquina, dun respirador. Día e noite, se quería vivir, tiña que vivir encarcerada. Porque un non vive conectado a unha máquina; vive preso! E ela estaba exiliada nese cárcere que enchía de aire os seus pulmóns esgotados. Como xa non traballa, os cartos eran menos aínda que as necesidades eran máis. O último que non pagara foi a factura da luz: 128 $

Así que un día, un leal empregado da compañía Mercury Energy, de Nova Zelandia, achegouse a súa casa. Sí, esa mesma á que só se achegaba a miseria. Este esmerado e cumpridor operario, pese a que lle advertiron das consecuencias que carrexaría desconectar a electricidade, seguiu adiante e executou. El estaba aí só para cumprir co seu traballo, co que lle mandaban. E como só estaba para iso, abandonou tranquilamente o miserento domicilio; seguramente coa satisfacción do deber cumprido, ou, quen sabe, ao mellor co alivio de deixar atrás toda esa miseria.

Pero que equivocado andas, rapaz, que equivocado andas! A miseria vai contigo coma unha carracha vampirizando o teu corazón. Non a sentes, pero está aí. Pregúntome, aínda así, se terá conciencia. Se hoxe, cando reciba os seus cartos, verá a nómina que ven tódalas xentes que traballan e reciben a primeiros de mes, ou, pola contra, verá o salario dun sicario. Pregúntome tamén por esa empresa de gatillo rápido á hora de executar: a Mercury Energy. Cómo explicaran os seus beneficios, qué dirán nesta ocasión. Seguro que ninguén dimite nin se desculpa, nin tampouco irá a parar cos seus osos ao cárcere; ademais, xa instalaron a electricidade.

Xa se sabe!: Son empresas. Esas historias éticas e morais son cousas só para as persoas! Pero penso que algo de conciencia, tanto o eficaz operario como a poderosa empresa, terán; aínda que só sexa un chisco! E só con ese chisco, con esa pequena larva, ¡espero que se cumpra xustiza! Porque a conciencia é así. Cando ten problemas, nace pequena pero medra negra. E un día, ou unha noite, ese verme purulento despois de esfuracar todo o corpo, deixará só sitio para o grito. Un grito que leva todo ese tempo con eles mundo e ronco, pero que afoga, que mata, porque ninguén soporta ben o peso na conciencia que trae unha morte como esta.

Pero nós non. Nós non podemos ser coma eles. Non podemos axudar a crear un mundo no que sexa máis importante os beneficios duns cantos dólares fronte á vida dunha persoa que, por outra parte, tanto deu á comunidade. Non pode ser! É indigno un mundo así! Non podemos ser cómplices de tantas inxustizas!
Non nos poden cargar nas nosas costas a morte de Folole Muliaga. Non vedes que xa son moitos os mortos e non podemos con máis!

jueves, 31 de mayo de 2007

Resacas.


Despois de tantos meses de campaña, unha vez pasados ese quince días oficiais que pechan ciclos cada vez máis longos, un/ha queda coa mesma sensación que si tivera unha desas resacas antolóxicas. Pensa, igual que cando un se esperta cos sensos adormecidos tras unha noite de xolda, que nesta última festa excedeuse coas sobredoses e lingotazos de política. Así que mirando a caixa tonta ou as páxinas do xornal que resumen esa cita, xura que nunca máis, que hai que beber amodo e sabendo o que se bebe, porque se non a vindeira resaca pode ser peor, moito peor. Ao momento decátase de que non sabe se vai ser quen de poder facelo. Lémbrase que dentro de nove meses estarán aí as xerais, e cos case catro anos de intensa campaña que levamos, vai ser festa rachada… Vamos, o peor para a nosa resaca.

Imaxino que a clase política, que é a que vive todo isto con maior intensidade, atopará no día 27 o mesmo que atopábamos todos/as cando remataban os exames e o único que faltaba era saber cántas iamos aprobar ou suspender, e no caso de aprobar… cál sería a nota. O bo destas citas, aparte da participación, e ver a valoracións que fan os distintos grupos políticos. É a noite en que ninguén perde, pese a que os resultados sexan dispares, e seguramente para algúns non sexan os esperados; pero a tradición manda!

Pero como sabedes, tralas eleccións, a composición do concello queda como segue:

PSdeG-PSOE
1.- Carlos Antonio Fernández Castro
2.- José Varela Abeledo
3.- Isabel Pereiro Vila
4.- Francisco Villaverde Marcos
5.- Úrsula Seijas Seoane
6.- Gustavo Enrique Nieto Santiago
7.- Isabel González Cancela
8.- Santos Lorenzo Lorenzo
9.- Patricia Conde Lois

Partido Popular
1.- Santiago Vicente Amor Barreiro
2.- María Dolores Fernández Álvarez
3.- Ramón García Argibay
4.- Yolanda Vázquez Bugarín
5.- José Pérez Bello
6.- Bernardo Moar Míguez
7.- Alfonso Rey López

Bloque Nacionalista Galego
1.- Xosé Manuel Fernández López
2.- Mercedes Vidal Baamonde
3.- David Santomil Mosquera
4.- Vítor Vicente Díaz
5.- Olalla Alvite del Río

Son todas estas xentes coas que imos a negociar durante os vindeiros catro anos, ás que lles teremos que lembrar todas as promesas feitas, e todas as necesidades que os veciños e veciñas do Milladoiro detectamos na nosa veciñanza.

Os Estatutos.


Ante a imposibilidade de colgar o documento dos Estatuos en PDF, ofrecémosvos o contido dos mesmos neste arrigo para que así teñades unha idea dos fins, dereitos e deberes que se recollen neste documento.


ESTATUTOS DE “SEIDÓN. ASOCIACIÓN VECIÑAL DO MILLADOIRO”

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL


Artigo 1º.-
“Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro” constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo ámbito de actuación territorial estará limitado a este núcleo urbano.
Baixo a denominación de “Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro” sometese ao réxime xurídico da vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e demais disposicións vixentes.
A Asociación rexerase polos principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 2º.-
Constitúese por tempo indefinido e so se disolverá conforme ao establecido nos presentes Estatutos, pola vontade dos asociados e asociadas expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
Esta Asociación, como suxeito de dereito e para o cumprimento dos seus fins, ten a personalidade que lle confiren as leis, como titular de dereitos e responsable das obrigas que contraia en toda clase de actos e contratos de carácter civil, tais como adquisición, alleamento e gravame de ben mobles e inmobles, precisos para o desenvolvemento dos seus fins e para a xestión dos intereses xerais dos seus asociados e asociadas.
Artigo 3º.-
Serán fins da Asociación:
a) Tódolos relacionados coa defensa xeral dos seus asociados en canto a problemas da situación urbanística do Milladoiro: rúas, rede de sumidoiros, auga, alumeado, etc.; e asesoramento aos veciños sobre estas cuestións, así como presentar propostas de solución ás autoridades competentes.
b) Cooperar ao bo funcionamento das institucións educativas, sanitarias, etc., do Milladoiro, a cuxos efectos poderá cursar as oportunas propostas e informacións aos órganos competentes.
c) Prestar axuda solidaria ás familias máis necesitadas ou con problemáticas sociais máis perentorias, colaborando na busca de saídas a estas problemáticas sociais derivadas de situacións de marxinación ou exclusión social.
d) Cooperar coas institucións de cara a conseguir un mellor aproveitamento dos recursos para toda a comunidade.
e) Promover a defensa do consumidor por tódolos medios legais, incluso procurando a constitución de entidades para este fin.
f) En xeral, a defensa dos intereses lexítimos da comunidade e a elevación do nivel cultural e físico dos asociados e asociadas, e traballar na procura do benestar social dos veciños e veciñas.
Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organiza-las actividades de tipo social, cultural, deportivo, etc., que considere oportunas en cada momento.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados e asociadas, nin outras persoas físicas ou xurídicas, con interese lucrativo.
Artigo 4º.-
O domicilio principal e permanente da asociación radica na localidade de Ames, na Rúa Agro do Medio, 3 – portal 2 – 1º A. 15895 / O Milladoiro. Teléfono: 699 – 44 37 03, correo electrónico asociacion.milladoiro@gmail.com

CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS


Artigo 5º.-
Teñen a consideración de socios fundadores os que, presentes no acto de constitución, asinen a correspondente acta, figurando os seus nomes e Documentos de Identidade inscritos na mesma.
Artigo 6º.-
Poderán ser membros da Asociación tódalas persoas físicas que teñan domicilio no núcleo urbano do Milladoiro, teñan capacidade de obrar e o soliciten voluntariamente. Estes novos socios terán a consideración de numerarios.
Artigo 7º.-
A admisión de socios que non residan no núcleo urbano ao que facemos referencia queda rigorosamente prohibida, por canto non gardaría a lóxica coherencia entre denominación e condicións para ser socio/a.
Artigo 8º.-
A Xunta Directiva estará obrigada a declarar procedente a admisión de todos aqueles que, téndoo solicitado en forma, segundo as condicións establecidas nestes Estatutos e nos artigos precedentes, cumpran os requisitos establecidos.
A admisión será facultativa cando o presunto socio tivera sido expulsado con anterioridade desta Asociación. Da expulsión ou, no seu caso, da readmisión deberá gardar a Xunta Directiva, que dun xeito ou outro tivera procedido, documentación suficiente para responder no seu día diante da Asemblea.
A Xunta Directiva facilitará documentación acreditativa da condición de socio e/ou socia.
Artigo 9º.-
Tódolos socios e socias terán igualdade de dereitos dende o momento da súa admisión, sempre que estean ao corrente de pago das cotas e cumpran as normas establecidas nos Estatutos.
Artigo 10º.-
Os membros da Asociación terán dereito a:
a) Dispor dos servizos que a Asociación poida facilitarlles así como participar nas actividades da Asociación.
b) Asistir ás Asembleas Xerais con voz e voto.
c) Ocupar os cargos para os que sexan elixidos
d) Informar e ser informados dos asuntos nos que a Asociación puidera intervir, así como da composición dos órganos de goberno e representación, do estado de contas e do desenvolvemento das súas actividades.
e) Procurar a máis estreita unión entre os asociados.
f) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar a ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
g) Impugna-los acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos.
Artigo 11º.-
Son obrigas dos asociados e asociadas:
a) Comparti-las finalidades da Asociación e colaborar para a súa consecución.
b) Paga-las cotas que se establezan.
c) Desempeña-los cargos que se establezan.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.
e) Acata-los contidos destes Estatutos.
f) Ter unha boa conduta individual e cívica.
Os socios e socias non poderán realizar individualmente actuación análogas ás que exercite a Asociación en beneficio común e en nome da mesma, sen o consentimento e conformidade previos da Xunta Directiva.
Artigo 12º.-
Perderase a condición de asociado ou asociada:
a) Por baixa voluntaria, que terá efectos no mes seguinte á comunicación.
b) Por falta de pago das cotas durante dúas anualidades consecutivas.
c) Cando se intente entorpecer ou prexudicar a marcha e bo funcionamento da Asociación.
d) Por maltrato dado ás instalacións mobles ou inmobles que estean ao servizo da Asociación.
e) Por incumprimento manifesto destes Estatutos.
f) Por falecemento do socio ou socia.
A expulsión de socios e socias nos supostos b), c), d), e), será acordada pola Xunta Directiva, logo do expediente disciplinario e da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
O socio que causara baixa por calquera destes motivos, non ten dereito algún a reintegro das súas achegas económicas á Asociación ou a indemnización de ningún tipo.

CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 13º.-
Corresponde a plena soberanía da Asociación á Asemblea Xeral. Non obstante, por delegación e mandato desta, o goberno, administración e representación da mesma se transmite de modo permanente á Xunta Directiva, tendo esta as seguintes atribucións:
- Programar e dirixi-las actividades asociativas.
- Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
- Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
- Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
- Propoñer á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados e asociadas.
- Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.
- Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
- Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados ou asociadas.
- Propoñe-lo plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
- Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
- Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da asociación.
Artigo 14º.-
A Xunta Directiva estará composta por un Presidente/a, un Vicepresidente/a, un Secretario/a, un Tesoureiro/a, e polos vocais que a Asemblea Xeral decida en cada momento.
Artigo 15º.-
Con carácter consultivo poderán estar integrados nesta Xunta Directiva os asesores ou técnicos precisos para o cumprimento dos fins resultantes dos Estatutos. Ditos asesores ou técnicos gozarán de voz, pero xamais de voto.
Artigo 16º.-
A actuación da Xunta Directiva é decisoria e executiva, requirindo os seus acordos maioría simple dos asistentes.
Artigo 17º.-
Tódolos cargos da Xunta Directiva serán exercidos de maneira totalmente gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán de carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Asociación.
Os asesores ou técnicos percibirán os honorarios que se conveñan en cada caso, pola súa actuación profesional.
Artigo 18º.-
A Xunta Directiva reunirase, cando menos, unha vez ao mes baixo a presidencia do seu titular ou, no seu defecto, do Vicepresidente/a. Se por causa xustificada ningún destes puidera asistir, presidirá a Xunta Directiva, o membro de maior idade. Igualmente, no caso de non poder asistir o Secretario/a, ocupará o seu sitio e realizará as súas funcións o membro de menor idade.
No suposto de que, inxustificadamente, se produza a ausencia dun directivo/a en tres reunións consecutivas, producirase o seu cese no cargo.
A Xunta Directiva considerarase constituída sempre que, previa convocatoria, estean presentes, cando menos, a metade máis un dos seus membros.
Artigo 19º.-
Poderá reunirse a Xunta Directiva con carácter extraordinario cando o solicite calquera dos seus compoñentes ou por convocatoria do Presidente/a.
Artigo 20.-
A Xunta Directiva queda facultada para interpretar os Estatutos así como para resolver calquera asunto non previsto nos mesmos, dando conta á primeira Asemblea Xeral que se celebre con posterioridade.
Artigo 21º.-
Corresponderá ao Presidente/a a representación legal e oficial da Asociación podendo designar avogados e procuradores; a sinatura dos documentos da mesma; convocar xuntas; dirixir os debates nas sesións decidindo, en caso de empate, co seu voto de calidade; cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral; resolver por si mesmo toda cuestión que, pola súa importancia ou urxencia, sexa necesario para o mellor cumprimento dos fins da Asociación, vindo obrigado a dar conta disto á Xunta Directiva; autorizar coa súa sinatura as actas – certificacións e outros documentos, sendo así mesmo Director/a dos servizos da Asociación.
Artigo 22º.-
O Vicepresidente/a substituirá ao Presidente/a en caso de ausencia ou enfermidade; por designación súa exercerá as súas funcións e presidirá as sesións de maior importancia que determine o Presidente/a da Asociación.
Artigo 23º.-
O Secretario/a terá ao seu cargo o arquivo da Asociación e a custodia dos documentos da mesma. Recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso. Levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e asociadas. Redactará e custodiará as actas e a memoria anual e expedirá as certificacións destas co visto e prace do Presidente/a. Estenderá as convocatorias e terá ao seu cargo todo o funcionamento administrativo da Asociación, auxiliando ao Presidente/a e/ou Vicepresidente/a nos cometidos que estes lle encomenden. Levará o inventario dos bens da Asociación nun libro establecido para este efecto. En xeral, terá baixo a súa dirección o réxime interior da Asociación.
Artigo 24º.-
O Secretario/a poderá, se o caso o require, solicitar a colaboración dun/dunha auxiliar para atender o funcionamento administrativo da entidade.
Artigo 25º.-
O Secretario/a, para dar cumprimento ao artigo 24º, terá que someter o caso á aprobación do resto da Xunta Directiva.
Artigo 26º.-
O Secretario/a establecerá o xeito máis adecuado para o despacho dos asuntos.
Artigo 27º.-
O Tesoureiro/a recadará e terá baixo a súa custodia os fondos e valores da Asociación e intervirá coa súa sinatura en tódolos documentos de cobro e pago, co visto e prace do Presidente/a. Levará a contabilidade da Asociación. Elaborará os presupostos, balances e estados de contas. Ordenará o cobro de cotas e, en xeral, terá ao seu cargo o funcionamento económico da Asociación, que deberá ter sempre ao día e a disposición dos asociados e asociadas do xeito que determine a Xunta Directiva. Tamén terá ao seu cargo os libros de contabilidade e os auxiliares necesarios, en xeral, todas aquelas funcións de tipo contable e fiscal que puidera haber lugar.
O Tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 31 de xaneiro.
No caso de ser necesaria unha persoa que colabore co Tesoureiro/a para o cumprimento das súas xestións, a Xunta Directiva designará un vocal, poñéndoo en coñecemento, chegado o momento, da Asemblea Xeral.
Artigo 28º.-
Os vocais terán as seguintes atribucións:
- Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
- Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
Artigo 29º.-
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá constituír comisións para realizar determinados traballos quedando en liberdade para nomear a ditos efectos aos asociados e asociadas mais idóneos que considere.
A Xunta Directiva nomeará os delegados/as que estime oportuno e cuxa misión será a de facilitar información e difundir as notas e circulares, convocatorias, etc., sendo así mesmo, os portavoces diante da Xunta Directiva.
Artigo 30º.-
A Xunta Directiva será elixida pola Asemblea Xeral por un período de un ano, aínda que pode ser obxecto de reelección tantas veces como o esta o decida.
Os cargos da Xunta Directiva poderán cesar na mesma por: falecemento; renuncia voluntaria; transcurso do prazo para o que foron elixidos; acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados e asociadas reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer efectivo un traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.
As vacantes que se produzan durante o período comprendido entre elección e elección, serán cubertas inmediatamente coa aceptación da metade máis un dos membros da Xunta Directiva, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.
En calquera caso, a Xunta Directiva deberá estar integrada por un mínimo de tres persoas, que exercerán as funcións de Presidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a.
Artigo 31º.-
Ademais das funcións xurídicas e das derivadas da plena soberanía e dominio que inspiran estes Estatutos, as Asembleas Xerais axustaranse ao procedemento que estatutariamente se exprese.
Artigo 32º.-
As Asembleas Xerais Ordinarias celebraranse unha vez ao ano, e dentro do primeiro trimestre.
As súas competencias son:
- Aproba-lo plan de actividades.
- Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
- Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
- Exame e aprobación das cotas.
- Elección da Xunta Directiva
Artigo 33º.-
Poderán celebrarse Asembleas Extraordinarias convocadas pola Xunta Directiva ou a petición dun 10 % dos socios e socias. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente/a, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a Orde do Día.
As súas competencias son:
- Modifica-los Estatutos da Asociación.
- Cesa-los membros integrantes da Xunta Directiva.
- Aproba-la federación con outras asociacións.
- Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
- Acorda-la disolución da asociación.
- Designa-los/as liquidadores/as.
- Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
- Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
- Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
- As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
- Tódalas competencias non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 34º.-
As Asembleas Xerais, ordinarias e extraordinarias, serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente/a.
A notificación farase nos locais da Asociación, para as asembleas ordinarias, e no domicilio dos asociados e asociadas, para as asembleas extraordinarias.
Quedarán validamente constituídas cando en primeira convocatoria asistan a metade máis un dos seus compoñentes, e en segunda convocatoria, media hora despois da primeira, cos asistentes presentes no número de houbera, contando sempre coa presenza do Presidente/a ou Vicepresidente/a e o Secretario/a, ou persoa que o substitúa, sendo válidos os acordos que sexan tomados por maioría simple dos asistentes, a excepción daqueles supostos que se recollen nestes Estatutos e para os que se require unha maioría superior.
Os acordos acadados conforme a estes Estatutos obrigarán a tódolos asociados e asociadas, incluso aos non asistentes.
Artigo 35º.-
As Asembleas serán dirixidas polo Presidente/a da Asociación e, no seu defecto, polo Vicepresidente/a.
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente/a. Seguidamente procederase, por parte do Secretario/a, á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o Secretario/a procederá a presenta-la Orde do Día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e á aprobación do correspondentes acordos nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.
Os acordos que vaian contra estes Estatutos, ou infrinxan os fins da Asociación, poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 36º.-
Os medios económicos da Asociación estarán constituídos polas cotas dos seus asociados e asociadas e os bens mobles e inmobles, rendas, subvencións, doazóns, legados e cantas achegas se poidan recibir e a Asociación acepte.
Artigo 37º.-
A facultade de dispor do patrimonio da Asociación corresponde á Asemblea Xeral. A súa administración, consonte queda dito, á Xunta Directiva.
Artigo 38º.-
A asociación conta cun patrimonio valorado en 100 euros.
O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 39º.-
A cota social establecerase na cota anual que a Asemblea acorde, con posibilidade de modificación posterior pola propia Asemblea, destinándose a atende-las necesidades da Asociación. O sistema recadatorio establecerase pola Xunta Directiva.
Artigo 40º.-
O presuposto anual da Asociación será o establecido en cada momento pola Asemblea Xeral.
Artigo 41º.-
Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, deberán ter recoñecida a sinatura o Presidente/a, o Vicepresidente/a e o Tesoureiro/a, para a utilización mancomunada de dúas delas.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 42º.-
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 43º.-
Os presentes Estatutos non poderán ser modificados ata transcorridos dous anos, cando menos, da súa entrada en vigor, a excepción do referente á súa denominación ou ao seu domicilio social.
Artigo 44º.-
Para a modificación dos presentes Estatutos, transcorrido o prazo a que se fai referencia no artigo anterior, será preciso o acordo da Asemblea Xeral, convocada a tal fin con carácter extraordinario, e coa aprobación de dúas terceiras partes dos asociados e asociadas asistentes.
Artigo 45º.-
A Asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados e asociadas adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 46º.-
Acordada, en debida forma, a disolución da Asociación, designarase pola propia Asemblea Xeral en que se adopte tal decisión, unha comisión integrada por cinco socios e/ou socias, que xunto ao Presidente/a e o Tesoureiro/a, terán como misión a de levar a cabo, no prazo máis breve posible, a liquidación total do activo e pasivo. De existir activo, será liquidado do xeito que acorde a Asemblea Xeral, tendo en conta que, baixo ningún concepto, poderá ser distribuído entre os asociados e asociadas. En consecuencia, habería de ir destinado a asociacións sen animo de lucro, asociacións benéficas, centros educacionais, etc., inscritas na comunidade autónoma.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.

miércoles, 30 de mayo de 2007

E ti, de quen es?


Polo que estamos recollendo polas rúas, polos comentarios que aquí realizades e as cartas que escribides á nosa conta de correo (asociacion.milladoiro@gmail.com), parece ser que a constitución de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro ven ser auga de maio. Ese xa era hora que resumirían todas estas intervencións fala da necesidade que moitos dos veciños e veciñas do Milladoiro sentiron ao longo destes anos no que O Milladoiro seguiu medrando á costas das xentes que aquí vivimos.

É bo saber e sentir ese recibimento; sobre todo cando estamos comezando e necesitamos esa palmada no ombro para eses primeiros pasos no que todo está no aire e toca poñerse a funcionar canto antes. Somos conscientes de que é moita a xente que nos está esperando; de igual xeito que nós esperamos a toda esa xente.

Tamén somos conscientes de que outras persoas, nesa espera, se dedican a observar, a ver de qué pe coxeamos, a calibrar as nosas forzas para ver qué pulsos podemos enfrontar; a ver o noso grao de madurez ata que chegue ese momento en que a froita estea rica e saborosa, e nese intre… entrar para destruír, agás claro está que sexa un instrumento válido para outros fins máis persoais ou políticos que pouco ou nada teñen que ver cos veciños e veciñas do Milladoiro.

Imos ilustrar isto cun feito que nos aconteceu hai un par de anos. Naquel intre, algún/ha de nós estabamos na Plataforma polo Instituto e demais Centros Educativos do Milladoiro. Naquela ocasión, tiñamos unha xuntanza no Parlamento de Galicia con representantes do Partido Popular para expoñerlles as nosas demandas. Antes de entrar, mentres esperábamos, estivemos falando co conserxe da oficina que, por esas cousas de que o mundo é un pano, era veciño do Milladoiro. Coa sabedoría daquel que botara máis olladas á vida que aos libros, dixo unha frase que nos deixou calados. Veu a dicir, máis ou menos, que dende que o Partido Popular non gobernaba Ames, xa non existían mobilizacións pese a que os problemas seguían sendo os mesmos.

Visto agora, non lle faltaba razón! Milladoiro é o que é dende hai moitos anos; pero resulta curioso (ou sospeitoso, non sei qué poñer), que unha vez instalado un goberno progresista no Concello, a mobilización dos veciños e veciñas do Milladoiro fose máis ben escasa, coincidindo como coincidimos máis ou menos todos, con esa observación feita polo conserxe do PP. Lémbranos esta situación aquel vello dito que afirmaba que contra Franco estabamos mellor. Nós, como asociación veciñal, só estamos mellor traballando a favor do Milladoiro, de toda a súa veciñanza e coa súa participación; se isto sitúanos a favor ou en contra do Goberno municipal é xa un tema que non nos preocupa. Non constituímos isto para agradar aos poderes públicos. Temos unha finalidade e unhas vías, e se sumando isto no diálogo que establezamos cos outros axentes presentes neste territorio non acadamos o que desexamos, teremos que enfrontarnos. E non se nos vai alterar o pulso por isto, porque non queremos crear inimigos, aínda que fagamos adversarios.

Antes de presentarvos a cada persoa que forma parte da directiva nun futuro artigo, cómpre realizar UN AVISO PARA NAVEGANTES, veñan estes de onde veñan: Xeralmente, cando queremos coñecer algo, intentamos clasificar ese feito, poñelo en relación a... para así ter unha comprensión máis certeira do feito ou da opinión en si. Así, unha asociación que, por definición e estatutariamente, sempre é independente, non tarda en ser vista por estes navegantes, máis expertos/as na confrontación e na disputa, no levaetrae que no traballo en equipo, coma un submarino do PP, unha caterva sociatas ou un avespeiro de nacionalistas…

Que podemos dicir? Que somos unha asociación de veciños, é dicir, xentes coma ti, co seu carácter, a súa vida, a súa ideoloxía, uns militando e outros non; pero, é máis: somos políticos! Cómpre aclarar que somos políticos porque cremos no poder transformador das accións, pero non porque pertenzamos á clase política. Ningún de nós ocupa cargo electo algún, ou mesmo eses tan cotizados de confianza. Somos currifichantes coma ti; igual de hipotecados que ti; igual de ilusionados que ti. Así que esta asociación de veciños defínese polo que somos: xentes que habitamos neste núcleo é que queremos o mellor para el. É por isto que aquí caben todas as persoas: as guapas e as feas; as gordas e as fracas; as brancas e as negras; as altas e as baixas; as heterosexuais e as homosexuais; as ateas e as relixiosas; as xitanas e as paias; as de toda a vida de aquí e as que chegaron onte de vai ti saber ónde; as de dereitas, as de centro e as de esquerdas; as que chegaron á terceira idade e as que aínda viven a primeira mocidade; as que teñen estudos e as que non tendo ningún título teñen toda a educación; as que están a traballar e as que sofren o azote do paro. Todas caben, a todas elas temos as portas abertas, porque a asociación son os seus asociados e asociadas, pero…

Cando hai un pero, mal asunto; pero imos darlle a volta a isto! Non caben: as persoas intransixentes, esas que entre a liña de saída e a meta non avalían o que está a suceder; as que non admiten segundas, terceiras ou cuartas opinións pois a única válida é a súa (por iso están tan encantados/as de coñecerse e sen eles/as o mundo iría ao carallo); as irrespectuosas (estas xentes xa non merecen explicación algunha); as acirrantes que só traballan a favor da discordia; ás que ven inimigos/as e non adversarios/as; as ríxidas que non se apean do burro aínda que os feitos xa digan que vai polo camiño errado; as intolerantes que so cren na súa liberdade e tratan de impoñela; as que están enfadadas co mundo e só falan a gritos; as pesimistas que non ven solucións e só crean problemas; as que pensan pero non falan e cando falan non calan nin pensan; as que non traballan para o triunfo pero están aí para sepultar todo coa frase da si xa o dicía eu…; ás que miran a un descoñecido como un estraño e non como un veciño/a; ás que ven o mal en tódalas partes e evitan relacións de confianza porque non podes esperar nada bo da xente…; as que temen ao poder, sexa este do tamaño que sexa, porque aínda conservan a esperanza de que lle paguen polos servizos prestados; as que pensan unha cousa, din outra, e fan outra totalmente contraria ao que pensan e din; as que teñen tanta experiencia en tantas batallas que non admite as achegas das persoas que acaban de entrar; ás que se cren imprescindibles e non teñen n.p.i de traballar en equipo e tratan este como se fose a súa servidumbre; ás que contan as vitorias por saír salvas e non polo conseguido para a comunidade; as que din que son fieis pero se esquecen de que tamén hai que ser leais; as que ven a diversidade e a diferenza como o maior risco e perigo...; as que piden que lles conten para contar; as que non fai falla que lles contes nada, pois teñen aí sempre disposta a súa malicia para fabular; as que son autoritarias e résganse as vestiduras cando son pillados en renuncio e non paran de xurar e perxurar que máis demócratas que eles/as, ninguén; as que menten porque non teñen verdade que contar (ou teñen moitas que ocultar); as que contan verdades segundo o público que as escoita; as que aceptan responsabilidades pero evitan compromisos e rematan por non facer nada; as ambiciosas que só teñen ambicións persoais sen preocuparlles nada máis

Todas estas persoas (e existirán máis, a malicia é moi fértil)… vaites, vaites! Que queren batallas? Que vaian a perdelas con Bush.

Nos queremos facer. E ti?

Esperámoste.

sábado, 26 de mayo de 2007

Mañá, a votar.

Non nos resistimos a traer a viñeta que Máximo publica hoxe no xornal El País; como é habitual nel, dá no cravo.

Promesas e compromisos (e II)


No anterior post xa vos comentábamos que dentro da rolda de contactos que estableceu Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro cos partidos políticos que se presentan a estas eleccións municipais, quedaba pendente a xuntanza coa candidatura do PSdeG-PSOE, que encabeza o Alcalde en funcións, Carlos Fernández. Igual que cos demais partidos, puxémonos en contacto para adiantarlle o obxecto desta xuntanza. Todo este primeiro contacto estableceuse co membro da candidatura, Francisco Doval, que foi o encargado de comunicar esta demanda ao candidato á alcaldía.

Durante a mañá do martes 22, recibimos a chamada persoal de Carlos Fernández. Unha chamada cordial na que, de primeira man, expuxemos a intención e o porqué da creación dun espazo de titularidade pública que estivese xestionado polas asociacións activas do Milladoiro. Nesa mesma charla, indicounos que esta petición, definida por nós como hotel de entidades, estaba recollida xa no programa co que se presentaba á alcaldía de Ames baixo o nome de casa das asociacións. Continuamos falando sobre este tema e a necesidade de articular no Milladoiro un sentimento de comunidade que afaste a deshumanización cara que deriva. Ao remate da charla, o candidato a Alcalde, quedou en chamar para fixar unha cita na que recibiría aos representantes da asociación veciñal. Pola nosa parte, entendendo a trafega que leva aparellada unha campaña como esta cunha chea de actos ao longo do día, indicámoslle que non habería ningún problema respecto do horario desta pequena xuntanza, que, en todo caso, nós nos adaptaríamos á súa axenda. Así, ao remate da charla Carlos Fernández indicou que volvería a chamar para tratar de fixar a reunión entre o mércores o xoves, ou no caso de non poder ser: quedarían catro anos por diante para traballar xuntos.

Ben, como estes días xa pasaron, e aínda non recibimos a chamada, optamos, na nosa aposta pola transparencia de todo o que estamos a facer e faremos, por facer público este feito que non sabemos moi ben cómo interpretar.

Entendemos que o fin último, informalo do compromiso que queríamos conseguir en tódalas candidaturas, está, en certa maneira, cumprido; pero costa entender ese silencio posterior.

Dito isto, admítese calquera interpretación que teñades sobre este feito que vos expoñemos.

martes, 22 de mayo de 2007

Promesas e compromisos.


Como xa vos comentamos, dende Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro contactamos con tódolos grupos políticos que se presentan a estas eleccións municipais. A intención era conseguir o compromiso de que no caso de que calquera destas forzas políticas gobernase o noso Concello, tivese presente a creación de espazos públicos de participación xestionados polo tecido asociativo activo deste núcleo. Para nós, o tema da participación non o vemos como unha declaración de principios que, por outra parte todos contemplan, senón como a disposición de ferramentas / recursos que articulen esta implicación e compromiso dos veciños e veciñas do Milladoiro. Os recursos cos que contamos a maior parte das organizacións cívicas é un capital humano con vontade e ilusión que, se somos optimistas, ata podemos ver como ilimitado pois abrangue a tódolos veciños e veciñas do Milladoiro, e un capital económico escaso co que enfrontar todas as misións que nos propuxemos cando acometemos a fundación de Seidón. Asociación Veciñal do Milladoiro. Estes estremos, por unha banda un forte capital humano fronte a un feble capital económico, entendemos que non se arranxa só cunha política de subvencións que permite só unha presenza puntual das asociacións mediante as actividades que realiza, senón cun compromiso decidido e firme de poñer a disposición das asociacións que aquí estamos a traballar dos espazos onde poder desenvolver a súa labor, onde poder permanecer dun xeito estable que permita que ese espacio se converta nun punto de encontro e referencia para tódalas persoas que aquí estamos vivindo. Este compromiso é o que iamos procurar coas xuntanzas que paso a detallarvos. A estas xuntanzas asistiron en representación da asociación María José Ayaso, Presidenta da asociación; María Xosé Abuín, Vicepresidenta; Esteban Paz, Secretario Xeral; Dolores Vázquez, Tesoureira; Magdalena Rodríguez, Mercedes Blanco e César Caramés, vogais.

A primeira delas tivo lugar na sede electoral do BNG no Milladoiro. Estivo con nós o candidato á Alcaldía, Xosé Fernández, e número 2 desta formación, Mercedes Vidal. Este partido entende a participación como fundamental, polo que entenderon esta petición para a que atopan dúas vías. Unha primeira, definida como a curto prazo, na que no Polideportivo Municipal, instalaríanse tres despachos a disposición das asociacións presentes no Milladoiro; a segunda, a máis longo prazo, sería destinar a este fin un edificio propio. Este, podería estar ubicado, unha vez construído o novo centro de saúde, no actual; podendo darlle a este espazo as cinco alturas presentes na zona, e habilitar os pisos para o uso compartido e comunal das asociacións. Neste punto subliñaron, que a presenza ou non das asociacións dependería da actividade e vida asociativa desta, é dicir, non abonda con estar constituído para estar presente neste espazo, senón que a asociación queda definida polos seus socios/as, os/as voluntarios/as, os servizos, e as actividades.

Tras esta xuntanza, e para que vexades a urxencia de dispoñer destes espazos, tivemos outra no café Vagalume co veciño e candidato á Alcaldía de Esquerda Unida, Iago Patiño, e a Adriana Santiso tamén presente nesta candidatura. Para esta formación política é capital o fomento da participación como pivote sobre o que asentar os cambios para este concello, que artellaría en plans de barrio e orzamentos participativos. Na súa decidida aposta pola participación, estiman que a maiores destes espazos teríase que crear un Regulamento de Participación Cidadá. Neste documento articularíase unha participación con efectos. Que quere dicir?: Que o decidido pola poboación tivese voz na gobernanza que se estableza no Concello. Por último, invitáronnos ao mitin que este partido dará hoxe as 20.30 na Casa da Cultura do Milladoiro, e que, precisamente, terá como tema central a participación e a corresponsabilidade dos veciños deste Concello.

As 19.30, na sede electoral que o PP dispón no Milladoiro, expuxemos ao candidato á Alcaldía deste partido, Santiago Amor, as nosas demandas. Tamén estiveron presentes nesta xuntanza, o número 3 desta candidatura, Ramón García, e o número 6, Bernardo Moar. Este partido tamén ve como prioritario, e así o reflicte o seu programa, a habilitación de locais municipais para as asociacións. Estes locais, que serían compartidos, serían para as entidades activas e con presenza. Deste xeito e como solución a curto prazo propoñen o uso axeitado das instalacións municipais, ou, non sendo posible isto, o alugamento provisional de espazos, ben directamente ou mediante subvencións; aínda que a solución ideal sería a construción dun edificio axeitado para este obxectivo. Para esta candidatura o fomento da participación é fundamental e para iso, a voz dos veciños, das súas organizacións cívicas, serán unha máis nas decisións a tomar no goberno do Concello.

Falta agora fixar a cita coa candidatura do PSdeG-PSOE. Esta non tardará en producirse pois púxose en contacto con nós o candidato á Alcaldía, Carlos Fernández, e vai tratar de facer un oco na súa apertada axenda e atendernos este mércores ou xoves como moi tarde.

Se queredes que vos comentemos a nosa impresión persoal, poderíamos resumir que non estivo mal. A verdade é que saímos contentos ao comprobar que ese espírito de comunidade que queremos construír entre todas e todos, tamén está presente na axenda política destes partidos.

Agora toca, animar á participación é que este domingo que xa se albisca, acudamos a votar por aqueles que consideramos o grupo máis axeitado para gobernar e impulsar este concello.

Gañe quen gañe, nós estaremos aí para transmitir as nosas necesidades, as nosas reivindicacións, e, como non, tamén as nosas fortalezas que son moitas!